Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2019 | Actualizada ás 15:22
A presidenta da Asociación Vía Mariana Luso Galaica, María José Silva, presentou en Santiago de Compostela o proxecto Vía Mariana, un camiño de 372 quilómetros que une Braga con Muxía e que pretende "recuperar do esquezo camiños incribles para unir aos santuarios".
A ruta, que pasa por Compostela, non é propiamente un Camiño de Santiago, pero si que está vinculado á ruta. Trátase dun percorrido de santuarios, "un camiño de fe, natureza e patrimonio", tal e como explicou María José Silva.
No acto de presentación na capital galega, celebrado no Museo das Peregrinacións, Silva estivo flanqueada polo representante do cabido de Braga José Prado, e polo profesor da USC e experto en santuarios Domingo González Lopo. Ademais, estiveron presentes alcaldes das diferentes localidades polas que transcorre o percorrido, así como a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira.
Silva lembrou os primeiros pasos do proxecto en 2017, "un reto que soaba apaixonante", e agradeceu ás organizacións e entidades que colaboraron e traballaron como "elos dunha cadea". José Prado destacou a "irmandade" entre Santiago e Braga, cuns "lazos moi fortes desde hai moitos anos", que avogou por "actualizar e renovar". "Este proxecto únenos e reaviva", insistiu.
Prado explicou que "é a vía da fe", puxo en valor a natureza e o Patrimonio en dobre vertente, tanto material como inmaterial. "Faremos todo o que estea nas nosas mans para que este proxecto sexa un éxito".
Domingo González Lopo sinalou que a ruta conta con "un enorme patrimonio artístico e cultural", que percorre "unhas terras fermosas" con "xente acolledora".
17 ETAPAS
A ruta comeza en Braga, e está constituída por 17 etapas que conclúen en Muxía. En total, son 372 quilómetros de percorrido que une os santuarios marianos do norte de Portugal e de Galicia.
Así, ten fins de etapa nas localidades portuguesas de Goães, Soajo, A Peneda e Melgaço, antes de entrar en territorio galego. Na Comunidade pasará pola Franqueira, Santiago de Covelo, Santa María de Estacas, Santa Marría de Augasantas, Santa Maria de Sacos, Os Milagres de Amil, Valga, Iria Flavia, Santiago de Compostela, Negreira, Baíñas e Muxía, onde conclúe o percorrido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.