Médicos internistas piden "maior orzamento e persoal"

Sogami destaca un "modelo novo" de relación entre Medicina Interna e Atención Primaria que se puxo primeiro en marcha nas áreas sanitarias de Ourense e Lugo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) reivindica un maior orzamento e persoal" en Atención Primaria e Medicina Interna para contribuír á "eficiencia económica do conxunto do sistema público". Así o manifestou o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, médico internista e membro de Sogami, José Luís Jiménez.

Paciente en Medicina Interna
Paciente en Medicina Interna | Fonte: consalud.es.

"Para mellorar o modelo, necesitariamos maior orzamento e persoal, tanto en Atención Primaria como en Medicina Interna, o cal contribuiría á eficiencia económica do conxunto do sistema público", conclúe o doutor Jiménez.

Ao repecto, destacou un "modelo novo" de relación entre Medicina Interna e Atención Primaria que se puxo primeiro en marcha nas áreas sanitarias de Ourense e Lugo, e despois "se foi estendendo en maior ou menor medida ao resto do sistema sanitario galego: a consulta sectorizada, é dicir, que un internista sexa referente directo de determinados centros de saúde", detalla Sogami.

"En Lugo e Ourense existen protocolos de derivación específicos desde Atención Primaria a Medicina Interna. Esta derivación é especialmente beneficiosa para os pacientes pluripatolóxicos crónicos. Cada vez tratamos máis este perfil debido ao envellecemento da poboación e o estilo de vida pouco saudable dunha parte importante dela", afirmou.

Outro tipo de paciente que tamén se ve beneficiado pola colaboración entre Atención Primaria e Medicina Interna "é aquel con diagnósticos e tratamentos non demorables, por exemplo nos casos nos que sospeitamos que a persoa sofre un posible tumor", apunta Sogami.

O contacto entre o médico de Atención Primaria e o internista "realízase de forma presencial, pero tamén de maneira telefónica e telemática", puntualiza esta sociedade científica, a través da coñecida como "e-consulta", na cal ambos os profesionais poden estudar un caso sen necesitar a presenza física do paciente. Ademais, os internistas visitan mensualmente os centros de saúde para compartir casos clínicos e intercambiar coñecementos.

Segundo explica o doutor Jiménez, este modelo de relación permite reducir ingresos e o tempo medio de estancia hospitalaria do paciente. En concreto, "permite atender de forma integral e continuada aos pacientes que acaban de ser dados de alta", asegura.

"Isto é especialmente importante nos casos de crónicos pluripatolóxicos porque estes adoitan volver a Urxencias nun curto prazo", subliña Sogami, que engade que, desta maneira, contribúese a diminuír a saturación de Urxencias.

Os hospitais de día son outra ferramenta útil para a colaboración con Atención Primaria e un "elemento imprescindible de apoio a unha consulta externa de Medicina Interna resolutiva, accesible e de calidade".

"O tándem Atención Primaria-Medicina Interna é perfecto porque axunta a capacidade de escoitar ao paciente coa visión integral e humana do mesmo, ambas as características propias das nosas especialidades", lembra o doutor Jiménez.

"Como internistas, a nosa relación cos nosos compañeiros de primaria é moi fluída. Estamos contentos de traballar con quen está en primeira liña co paciente. Non esquezamos que o futuro da medicina vai cara á humanización; centrarse nas persoas", abunda o doutor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta