Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 17:22
O Sindicato Labrego Galego (SLG) esixiu á Xunta que se faga cargo "do 100 por cen dos danos" provocados polos ataques da fauna salvaxe ao gandeiro, unha "problemática" que leva prolongando desde hai anos.
A organización agraria denunciou a "impotencia e a desesperación" que sofren os gandeiros polos danos mentres a Xunta fai gala dunha "inactividade total", acusando á administración de "non sacar axudas para cubrir os ataques de xabaril desde 2016".
Así o asegurou a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, acompañada de dous afectados, avanzando que o próximo 11 de abril está convocada unha protesta e esperan "poder trasladar á Consellería as propostas concretas para reducir danos e que os gandeiros poidan continuar coa súa actividade".
Un dos puntos que máis critican é que se fixan as axudas cun importe limitado en 1.600 euros" e deixan fóra "un bo número de danos", cando estes poden chegar aos 12.000 ou 20.000 euros.
No ámbito sanitario "a cuestión é moi grave", engadiu, porque "non só hai unha perda cando o lobo mata un animal, senón que o gando enferma polo mal estado dos silos", e "non se ten en conta".
Pola súa banda, Adolfo Cabarcos, un gandeiro de Xermade, asegurou que desde a enfermidade das vacas tolas "os ataques multiplicáronse" porque os cadáveres comezaron a recollerse.
O afectado explica como noutros lugares de España, onde se permite aos gandeiros deixar os animais mortos para que llos coma o lobo, "non tiveron ningún ataque deste animal en gando vacún desde o pasado ano".
Sobre este asunto, outro dos gandeiros afectados, Roberto Louzán, de Pontevedra, precisou que, se se deixase que os lobos se comesen os animais que matan, "non habería nin unha cuarta parte dos ataques".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.