Por Galicia Confidencial | | 18/11/2011 | Actualizada ás 18:54
Fai máis dun mes que os profesionais das Artes Escénicas de Galicia realizan mobilizacións para visibilizar a graves situación na que se atopa o sector logo dos impagos e incumprimentos de acordos por parte da Agadic e da Consellería da Cultura.
Unha situación á que se une a falta de respostas da administración. Por iso, diversas asociacións e colectivos vinculados ás Artes Escénicas mantiveron un encontro o pasado xoves 17 de novembro no que manifestaron a necesidade de crear unha Plataforma das Artes Escénicas que canalice as iniciativas do sector na defensa do tecido cultural.
Análise das políticas culturais
Tamén acordaron iniciar con urxencia unha análise profunda do desenvolvemento das políticas culturais, así como dun estudo detallado en canto á necesidade das axudas públicas ao sector e o seu retorno, tanto en termos de creación de emprego como de servizo á cidadanía como ben cultural.
As entidades que amosaron a súa disposición a estar nesta nova plataforma son AAAG, Asociación de Actores e Actrices de Galicia; AFEARTE, Asociación de Festivais de Artes Escénicas; AESAD, Asociación de Alumnos da Esad de Vigo; ASILGA, Asociación de Ilusionistas de Galicia; DANESGA, Asociación profesional de Danza Escénica de Galicia; ESCENA GALEGA, Asociación de Compañías de Artes Escenicas de Galicia; RGS, Rede Galega de Salas e UNIMA-GALICIA.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.