Feijóo acusa a En Marea de "inventarse" a folga de Atención Primaria

Luís Villares e Leiceaga acusan á Xunta de desatender a Sanidade pública e piden medios e recursos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo acusou ao portavoz de En Marea, Luís Villares, de "inventarse" que vai haber unha folga en Atención Primaria en abril, xa que --asegurou-- "de momento non hai ningunha convocatoria" neste sentido. "Xa sei que vostedes están a tentar que a haxa", afeou á oposición.

Durante a sesión de control ao Goberno autonómico no Parlamento de Galicia, a sanidade volveu a ser o eixo dun debate no que Villares recriminoulle a súa "desastrosa política", mentres que o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, volveu a recalcar a necesidade de achegar "orzamentos e cambios normativos" para dotar de "máis recursos" o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Neste contexto, Luís Villares suxeriu ao presidente da Xunta que "debería atender as reivindicacións" de pacientes e profesionais, lembrando neste punto a folga indefinida que manteñen os Puntos de Atención Continuada (PAC) --cun 100% de servizos mínimos--. "Sabe por que están en folga? Porque vostede non cumpre a súa propia lei", esgrimiu.

Tamén lembrou a folga prevista pola Coordinadora Galega de Atención Primaria para os días 9, 10 e 11 de abril, unha cita que Feijóo reduciu a unha "mentira" da oposición. "Acábase de inventar que hai unha convocatoria de folga. (...) De momento non hai ningunha convocatoria, xa sei que vostedes están a tentar que a haxa", replicou.

PIDEN UN "AUMENTO SIGNIFICATIVO" DO ORZAMENTO SANITARIO

Villares subliñou que estas protestas reclaman un "aumento significativo", ata o 25%, do investido en Sanidade e a "convocatoria inmediata de todas as prazas que fan falta". "Tanto o persoal da PAC como de Atención Primaria non piden para eles, piden melloras dun servizo público", recalcou.

Sobre iso, Feijóo reiterou que o seu Goberno "busca solucións" e "mesmo atopa acordos". No entanto, e en relación coa convocatoria de folga, destacou que a Xunta esgotou "o máximo" de prazas permitido por lei, que é o 100% da reposición e outro 8% sobrante "para as comunidades que cumpren" coas regras de déficit e gasto.

Sobre esta situación, Villares recalcou que as "limitacións" legais das convocatorias de emprego público débense ás "imposicións" do Goberno de Mariano Rajoy coa 'Lei Montoro', algo do que se serviu para afear que nos Orzamentos da Xunta de 2019 o PP "baixoulle os impostos aos máis ricos", o que foi desmentido polo propio Feijóo.

O PSDEG PIDE "ORZAMENTOS" E "CAMBIOS NORMATIVOS"

Pola súa banda, o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle ao presidente do Goberno autonómico "orzamentos e cambios normativas" que permitan "rectificar" as súas políticas sanitarias que levaron, segundo as súas cifras, a perder 1.250 prazas de profesionais e a un "aumento" dos contratos eventuais" no Sergas.

Así mesmo, tachou de "tomadura de pelo" o plan de mellor de Atención Primaria anunciado este mes por Sanidade con 17,3 millóns de euros para 2019 e 2020. "Hai que recoñecer que deron un paso tímido, pero o que lle digo é que non é suficiente", insistiu, para despois reclamar "unha modificación" dos Orzamentos autonómicos para este ano e "cambios normativos" necesarios para destinar máis recursos á sanidade.

Non en balde, Leiceaga reduciu a unha "cortina de fume" a petición de Feijóo ao Ministerio de Facenda de poder gastar o superávit autonómico no Sergas. "Non podemos investir o que é noso?", preguntou o presidente da Xunta, ao que o portavoz socialista reiteroulle que a lei só prevé gastar estas cantidades "para investimentos sustentables no tempo como eficiencia enerxética e combater o cambio climático".

Pleno.- Feijóo ve a folga de Atención Primaria unha 'mentira' da oposición,. XUNTA
Pleno.- Feijóo ve a folga de Atención Primaria unha 'mentira' da oposición,. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta