Galicia será socia da Rede europea de rexións afectadas por lindano para estudar plans de descontaminación

O proxecto, no que Galicia exercerá como socia, é unha das 74 iniciativas que obtén fondos da cuarta convocatoria do programa de colaboración Interreg Europe, ao que se presentaron 170 solicitudes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia será socia no proxecto europeo 'Lindanet', un programa de cooperación que pretende crear unha Rede europea de rexións con presenza de lindano, un pesticida tóxico utilizado no pasado. Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun comunicado, acábase de coñecer a decisión da Unión Europea de cofinanciar este programa 'Interreg Europe', ao 85%, que terá unha duración de tres anos e medio e un orzamento de 1,5 millóns de euros.

O obxectivo do proxecto é crear unha rede de rexións afectadas por lindano para o intercambio de experiencias e coñecementos para establecer un plan de acción enfocado a alcanzar a descontaminación das zonas nas que se empregou a sustancia e mellorar así as zonas contaminadas. A iniciativa estará liderada polo Goberno de Aragón mediante o Departamento de Desenvolvemento Rural e Sustentabilidade. Ademais, contará coa participación de seis socios europeos doutras rexións nas que se detectou a presenza deste material, como a República Checa, Holanda, Italia, Polonia e Alemaña.

INTERREG EUROPE

O proxecto, no que Galicia exercerá como socia, é unha das 74 iniciativas que obtén fondos da cuarta convocatoria do programa de colaboración Interreg Europe, ao que se presentaron 170 solicitudes. A participación de Galicia nesta iniciativa súmase ás medidas postas en marcha pola Xunta para avanzar na descontaminación das zonas afectadas en Galicia por este praguicida, por exemplo a candidatura presentada á convocatoria de axudas europeas 'LIFE' cun proxecto para mapear e tratar os chans periurbanos contaminados por residuos de lindano.

Esta última iniciativa está liderada e coordinada pola Xunta e tamén conta coa participación e apoio da Universidade de Santiago (USC), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Así mesmo, Medio Ambiente licitou por 500.000 euros un estudo sobre a zona máis afectada pola presenza deste material e contactou co Goberno do Estado para pedirlle a súa colaboración e apoio económico nas tarefas para localizar, cuantificar e proceder á retirada do lindano, tal e como se está facendo no Goberno de Aragón, onde tamén se detectou a presenza desta sustancia.

Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño.
Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño. | Fonte: Plataforma Anti-Lindano

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta