Javier Losada: "Feijóo quedaría sen discurso se lle quitan os ataques" ao Executivo de Sánchez

O delegado do Goberno pediulle á Xunta "responsabilidade" para que "apoie e siga traballando conxuntamente co Ministerio de Industria" para atopar unha saída á situación da planta de Alcoa na Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, recriminou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a "certas Consellerías" que "todo o discurso" vire ao redor de referencias "constantes" para "atacar e criticar" ao Goberno pero desde "hai tempo" sen expor "o que fai polos galegos".

"Lémbrame que todo o discurso da Xunta e certas Consellerías, e ás veces o presidente, son de referencias constantes ao Goberno, se lle quitan iso, quedaría sen discurso, escóitolle moitas referencias ao Goberno para atacar e criticar pero hai tempo que non lle oio dicir o que fai polos galegos", asegurou Javier Losada, nunha entrevista na Radio Galega  na que instou en reiteradas ocasións á "colaboración" e "lealdade" entre as institucións.

"Responsabilidade", precisamente, pediulle á Xunta para que "apoie e siga traballando conxuntamente co Ministerio de Industria" para atopar unha saída á situación da planta de Alcoa na Coruña. E é que Losada remarca que o Goberno ten "vontade absoluta" para "aceptar as alegacións que sexan asumibles e melloren as condicións" do borrador do Estatuto eléctrico que "por primeira vez na historia" desenvolve un Goberno e que se completou coa aprobación o venres no Consello de Ministros de subvencións por 91 millóns de euros para compensar os custos de emisións indirectas de CO2 e mellorar a competitividade.

O delegado do Goberno lembra que as industrias electrointensivas como Alcoa xa contan cun 85% de bonificacións no imposto da electricidade, pero que os incentivos fiscais solicitados pola Xunta deberán esperar á constitución do novo Congreso. Pide así "tranquilidade" a traballadores e empresas ante as xestións do Goberno e sostén que poderían ser "nove" as empresas interesadas en facerse con Alcoa, posto que "cando se aprobe o Estatuto" estará "en mellores condicións que agora".

Por iso, pide "lealdade e cooperación" ás institucións para buscar "o mellor investidor" e lamenta que se estableza un "relato no que o Goberno estaría en contra do benestar de Galicia e das empresas" por parte dunha Xunta que "ás veces ten unha posición de crítica e confrontación".

"Non hai cuestión de cores políticas", incide Losada, que aproveita para criticar que "durante sete anos estiveron moi calados o Goberno central e o autonómico --durante o mandato do popular Mariano Rajoy--" pero estanse a oir "agora que o Goberno pon en marcha un estatuto". Unhas críticas ao Goberno de Pedro Sánchez que vincula ao "inicio do proceso electoral", que "leva que ás veces a xente perda a tranquilidade e deixe de pensar en lealdade e cooperación".

CRÍTICAS A ENCE

Pero Javier Losada tamén sae en defensa do Goberno ante a polémica suscitada pola prórroga da concesión a Ence en Pontevedra, que limita a un cumprimento da legalidade. Insiste, en primeiro lugar, que a marxe existente coa actual concesión é ata 2033 e, en segundo, que é un informe da Avogacía do Estado o que determinou que a prórroga "concedida polo Goberno de Mariano Rajoy cando estaba en funcións non se axustaba á lei e superaba os anos que poden darse".

"Non se opón a que Ence poida traballar", posto que a Avogacía do Estado considera que a actividade "pode levar a cabo en calquera outro punto do territorio", nun proceso no que o Estado é só "o invitado", porque procede dunha denuncia do Concello de Pontevedra. E pon o foco na actitude do Consello de administración de Ence, porque "debe medir as súas palabras" e ser "rigoroso e ter en conta as decisións que tomou no seu momento e o perigo das súas decisións". Mostra así a súa a súa "sorpresa" ante o anuncio de Ence de que non continuará investindo, aínda que o prazo actual sexa ata 2033 e pide á pasteira situada en Pontevedra "cooperación e responsabilidade".

SUPERÁVIT

Ante a demanda da Xunta de que Galicia poida destinar o seu superávit á sanidade, Javier Losada reitera que hai unha posición "positiva do Goberno", pero reprocha a "urxencia agora da Xunta", que "en realidade" nos "últimos meses" renunciou a máis de "700 millóns de euros". Refírese, con esta cifra, a propostas recollidas nos Orzamentos Xerais do Estado que o PP votou en contra, como as transferencias de 374 millóns ou os 200 de liquidación do IBI ou dos 133 de incremento do teito de gasto.

E preguntado sobre se Feijóo debería demandar un cambio de postura ao seu partido, replica que "se un goberno autonómico cre que é boa a elevación de gasto, ten que convencer ao seu grupo parlamentario" e "porse a camiseta de onde gobernan". Do mesmo xeito, defende a aposta do Goberno por incorporar o corredor atlántico á rede europea e os "deberes feitos" por parte do Goberno. "É triste que por facer os deberes o critiquen", concluíu.

Javier Losada, delegado do Goberno: 'Feijóo quedaría sen discurso se lle qui. RADIO GALEGA
Javier Losada, delegado do Goberno: 'Feijóo quedaría sen discurso se lle qui. RADIO GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Deus, desde logo ganha-se o salário, tem medo a perder o posto! Qual são as funções dum delegado do governo? Ah, sim, as funções são defender as decisões do seu chefe e neste caso fazer a oposição que não fazem no parlamento galego!