O Parlamento pide a Contas que avalíe en 2019 os sistemas de prevención para garantir a ética dos xestores públicos

Os catro grupos apoiaron pedir ao organismo fiscalizador que asesore ao sector público autonómico, ás institucións provinciais e concellos de máis de 50.000 habitantes con plans de prevención contra a corrupción.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2019 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia instou ao Consello de Contas a realizar este ano 2019 avaliacións sobre os sistemas de prevención de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores no sector público autonómico, as deputacións e os municipios de máis de 50.000 habitantes. Aprobada co apoio de todas as forzas parlamentarias por mor dunha proposta do PSOE, esta é unha do catro recomendacións ao Plan de Traballo para 2019 deste organismo fiscalizador que este venres viron luz verde na Comisión para as Relacións co Consello de Contas.

Na sesión tamén recibiron o apoio de PP, En Marea e BNG outras dúas propostas defendidas polo Partido Socialista. Así, en primeiro lugar, a Cámara instou ao Consello de Contas a desenvolver, neste exercicio, actuacións destinadas a fomentar a conciencia e a participación cidadá a favor da transparencia e do comportamento ético. Así mesmo, os catro grupos apoiaron pedir a este organismo fiscalizador que asesore ao sector público autonómico, ás institucións provinciais e aos concellos de máis de 50.000 habitantes na implantación de plans de prevención de risco da corrupción para a súa posta en marcha neste exercicio.

RECOMENDACIÓN DO PP

Ademais, na comisión foi aprobada --coa abstención de En Marea, PSdeG e BNG-- unha recomendación formulada polo Partido Popular para emprazar a Contas a manter "con carácter periódico" os informes sobre a actividade económico financeira das entidades públicas dependentes da Administración xeral da Comunidade autónoma. Con todo, na sesión, foron rexeitadas, cos votos en contra do PP, todas as propostas presentadas tanto polo Bloque como por En Marea. Precisamente, este feito motivou que o parlamentario rupturista Manolo Lago aproveitase a súa intervención na sesión para censurar que o PP "utilice a súa maioría absoluta" para "deturpar" o funcionamento do Parlamento.

"O Parlamento é máis que un grupo parlamentario", manifestou nunha intervención na que lembrou que o Consello de Contas é un "órgano de control do Executivo" que depende da Cámara. "Só un grupo decide cales son as recomendacións ao plan de traballo. Iso é devaluar a democracia e devaluar o parlamento", manifestou nunha intervención na que optou por non debullar as propostas elaboradas polo seu grupo ante o previsible rexeitamento das mesmas por parte do PP.

Pola súa banda, a nacionalista Noa Presas explicou que nas 16 recomendacións formuladas pola súa formación abordábanse os "incumprimentos" en materia de transparencia por parte da Xunta. "Continuamos sen saber absolutamente nada respecto da cuestión do Son do Camiño", censurou Noa Presas en referencia ao contrato deste festival que ten lugar en Santiago. Ademais, considerou necesario que se informe sobre as axudas á automoción e as destinadas á Fundación Cidade da Cultura. Entre outras cuestións, pediu que se analicen os contratos da Xunta con empresas como Indra, que se faga un informe sobre o Plan de Transporte ou que se fiscalicen as subvencións outorgadas polo Goberno galego aos centros que segregan por sexo.

PETICIÓNS DO PSOE

Tras a intervención de Noa Presas tomou a palabra a socialista Begoña Rodríguez Rumbo quen, tras expor as recomendacións do seu grupo, esixiu máis efectividade por parte do Goberno xa que, conforme sinalou, desde a aprobación dos plans de traballo de 2019 no pleno do Consello de Contas, o 22 de decembro de 2018, leste segue sendo debatido en Comisión parlamentaria 95 días despois.

Ademais, destacou que o PSdeG aceptou cambios nas recomendacións presentadas polo Grupo Popular co obxectivo de que estas sexan aprobadas. "Porque neste Grupo Parlamentario, a diferenza do grupo de goberno, búscase a conciliación para poder sacar adiante medidas favorables á cidadanía", apuntou.

POSICIÓN DO PP

Pola súa banda, a deputada do PP Cristina Romeu criticou que a oposición "insita" en "intervir ao máximo" o Consello co "único criterio da conveniencia política". Así, lamentou que En Marea, PSdeG e BNG "insistan na súa falta de confianza" no criterio deste órgano fiscalizador "á hora de determinar as actuacións a desenvolver a pesar de que veñen explicadas no plan estratéxico da institución".

"Tampouco lle parece suficiente o traballo planeado por Contas porque volven repetir unha chea de recomendacións", censurou a deputada do PP, que afeou aos grupos da oposición que expoñan cuestións que xa se contemplan na folla de ruta deste órgano. Fronte a iso, incidiu en que o seu grupo confía no "criterio" e a "independencia" desta institución e dos seus plans de traballo polo que destacou que a súa formación limita as súas recomendacións a unha soa.

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta