Presentan un manifesto polo uso do resto de linguas do Estado "en igualdade de condicións" que o español

A Mesa e outras 7 organizacións asinan un manifesto a favor da pluralidade lingüística e demandan reformas estatutarias para facer oficiais as linguas propias que aínda non o son nos territorios nos que se usan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este mércores o 'Manifesto a favor da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia', que reclama o uso de todas as linguas do Estado "en igualdade de condicións" co español. O documento tamén o asinan as organizacións Kontseilua (País Vasco), Omnium Cultural, Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Acción Cultural do País Valenciá, Nogará (Aragón) e Iniciativa pel Asturianu.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e máis Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e máis Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos | Fonte: A MESA

No manifesto, segundo explicaron nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra polo presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a vicepresidenta, Elsa Quintas, deféndese que "o dereito dos pobos e das persoas a empregar a súa lingua é un dereito humano", no convencemento de que "o dereito de uso pleno é garantía de democracia, de liberdade e de progreso". Todos estas organizacións asinantes do manifesto aseguran que "a diversidade lingüística, o seu recoñecemento e o seu exercicio, non son un capricho" senón que "son necesidade para vivir con dignidade colectiva nunha sociedade plural, democrática e xusta, que non admita o odio. Contra ninguén, tampouco por motivos de lingua".

Segundo os datos ofrecidos polos responsables da Mesa, no Estado español o 45 % dos seus cidadáns vive en territorios con lingua propia diferente do castelán. Millóns de persoas que deberían poder falar esas outras linguas "con toda normalidade, con toda liberdade, en igualdade de condicións, nas mesmas que calquera cidadán en español, o que actualmente non é posible". Marcos Maceira sostén que o Estado español parte dunha "tradición monolingüe" na administración central, e debe xerar "políticas activas que permitan o exercicio efectivo dos dereitos lingüísticos".

Por todo isto, estas organizacións emprazan a todos os partidos políticos a asumir que as linguas propias distintas do castelán deben gozar dos mesmos dereitos e deberes que se recoñecen ao castelán. Entre estes dereitos, atópase en primeiro lugar o "deber de coñecemento".

BÉLXICA, SUÍZA OU CANADÁ, SOCIEDADES PLURILINGÜES "MÁIS AVANZADAS"

Instan o Estado a seguir o exemplo das sociedades plurilingües "máis avanzadas" como Bélxica, Suíza ou Canadá e funcionar nas diferentes linguas independentemente da súa situación física. E nomearon o caso das Cortes Xerais, os Tribunais Constitucional, Supremo e a Audiencia Nacional ou organismos como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social. Demandan tamén reformas estatutarias para a oficialidade das linguas propias que aínda non son oficiais nunha parte ou na totalidade do territorio onde se falan.

Ademais, segundo citou Elsa Quintas, reclaman que se estendan deberes e dereitos "dos que ata agora só beneficiouse o castelán", como son a capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, "incluída a de xustiza", o seu uso xeneralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nivel internacional e paridade co castelán. Así, piden que se poña fin á imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal, "que afecta de maneira frontal ao ámbito económico e singularmente á etiquetaxe".

Finalmente, insistiron en que "os poderes do Estado non deben de ser nunca arietes contra a promoción das linguas do estado" nin as divisións administrativas, dentro ou fóra do seu territorio, "escusas para limitar os dereitos lingüísticos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta