Celanova, máis denuncias por verteduras de xurros sen control

Os veciños de Amorece, en Celanova, denuncian que os xurros da granxa cárnica de Coren está creando graves problemas de contaminación en mananciais e correntes de auga da zona. O último caso parece ter crispados os ánimos pois mesmo os veciños cuestionan a actuación das autoridades competentes para control medioambiental.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As produción cárnica é unha das principais industrias de Ourense provincia. Como todos os sectores produtivos, xera emprego mais tamén elementos residuais consencuencia da elaboración de produtos. Estes residuos deberían estar sendo tratados para que non sexan un elemento contaminante e que cause dano na saúde das persoas. Iso fixo que en 2016 se inaugurase unha central de tratamento de residuos que a cooperativa Coren anunciara para o tratamento dun volume moi elevado de xurros procedentes das granxas gandeiras tanto da cooperativa como de socios e socias.

Baleirado de xurros a cano libre
Baleirado de xurros a cano libre | Fonte: Cedida

A cuestión é que veciños e veciñas, así como asociacións ecoloxistas acabaron por mobilizarse polo que consideran que é un grave delito, a contaminación dos acuíferos que fornecen de auga tanto vivendas particulares como explotacións coa aparición de substancias como nitritos e outros elementos químicos que converteron en non apto para o consumo humano, segundo din os veciños, as diferentes correntes e auga.

O CASO DE CELANOVA

Mais a comarca da Limia non é a única que estaría afectada polas verteduras de xurros. Así, a finais de xaneiro de 2019 a Policía Local de Celanova acudía ao lugar de Amoroce, onde os veciños denunciaban a presenza de xurros vertidos e un forte olor no aire. “Vivimos nunha zona onde a comercializadora Coren ten unha explotación porcina. Alí hai un veciño perto deles que usa os xurros de Coren e nós cremos que o fai indebidamente. Cremos que da maneira que o fai pon en perigo a salubridade dos nacentes de auga e das correntes que hai alí”, di Camilo, un veciño do lugar.

A policía local, segundo conta o veciño do lugar, “fixo unha investigación, pero hai que entender que a policía local non ten competencias en medio ambiente. Despois foi o Seprona a petición das autoridades municipais. Chocounos moito porque días antes estivera a Policía Local, tomou fotografías e declaracións aos denunciantes. Preguntaron (aos responsables) e recoñeceron que si, que fixeran as verteduras e que o seguirían facendo”.

A situación non cambiou porque “Como a cousa continuaba, chamamos ao Seprona e nos tomou declaración, estivo alí, puxémolos en coñecemento dos feitos”. Coa presenza do Seprona, a veciñanza considerou que a situación podería estar en vías de solución. Non obstante, aos vinte días de térense presentado os axentes, “chéganos unha denuncia aos veciños de Amoroce por carecer das licenzas administrativas por uso das augas. E a min polo mesmo motivo, e iso non é certo, porque eu presentei unha documentación que me pediron e presentei hai pouco, onde di que desde o ano 1997 tiña licenza para uso e aproveitamento destas augas” sentenza Camilo.

VERTEDURAS

As verteduras que denuncian os veciños de Amoroce, fanse mediante o esparexemento cun canón de augas residuais (aspersor) ou mediante camións cisterna que, como denuncian, moitas veces parece ser que verten “a cano libre”, é dicir deixando caer o xurro libremente nunha finca ben determinada ou como denuncian algúns, escollida ao chou. Se as fincas son usadas de maneira recorrente para a vertedura de xurro, o nome técnico que reciben é “parcela de sacrificio”.

A cuestión é que para poderen verter xurros, é necesario ter permisos pertinentes, pois non é a primeira vez que se usarían estes residuos como fertilizante, punto este sinalado polas diferentes adminsitracións e industrias xeradoras destes detritos para esparexelos por fincas e montes. Quen deu permiso para verteren en Amoroces? “Ninguén, iso fano eles de motupropio, eles permiten facer iso sendo sabedores e non cumprindo a normativa. Teñen unha obriga de ter un plan de tratamento” di o veciño afectado en Celanova.

Ademais, remata con que “eles venderon que aquí había un proxecto da ostia e en realidade non funciona, porque eles mesmos recoñecen que non funciona. Recollen da primeira fase de tratamento para que non sature. E cando chove todo reborda. Non hai unha analítica que diga que iso é garantido e temos que fiarnos deles”.

COREN

O caso de Celanova foi consultado coa Cooperativa Coren por parte de Galicia Confidencial. As instalacións da empresa en Celanova foron creadas para un tratamento avanzado dos residuos orgánicos orixinados pola estabulación de animais de granxa. “A granxa de Coren en Celanova conta cun sistema de tratamento de xurros para separar a parte sólida da líquida. A fracción líquida que resulta é auga desnitrificada, que pasa por un proceso innovador de tratamento con algas pioneiro en Europa, e do que resulta auga totalmente apta para o rego, segundo constatan as analíticas que temos e que repetimos periodicamente”.

A fase última sería destinar os xurros á rexeneración de montes tal como di Coren no comunicado enviado a esta redacción “Esto permitiu transformar un monte abandonado e en risco de incendio, nunha pradería para a cría de gando en extensivo, seguindo o modelo de outras que ten Coren, que son un exemplo de cría de gando seguindo prácticas medioambientalmente sostibles. Este monte pódese visitar en calquera momento para comprobar a súa xestión”.

Debido a isto último, Coren afirma que “de ningunha maneira se están vertendo xurros, senón que é auga desnitrificada e apta para o rego. Os camións que van a planta o que fan é a retirada da parte sólida, que se procesa fora da planta conforme á normativa medioambiental. Non temos constancia de que, se hai pozos contaminados na zona, en ningún caso se deba aos xurros”.

Sobre a denuncia por contaminación e verteduras de detritos gandeiros que acabou en denuncia a algúns veciños, a empresa cárnica di o seguinte “a raíz da denuncia posta por un veciño, o Seprona fixo as oportunas inspeccións que, como indicamos, no caso de Coren é auga apta para o rego. E foi tamén a raíz desa denuncia que o Seprona revisou outros pozos da zona e observou que estaban ilegais”.

De momento a cuestión é que está aberta unha polémica que tivo como consencuencia denuncias cruzadas, analíticas, verteduras e veciños que, denuncian, teñen que consumir auga embotellada para poderen atender cuestións como cociñar ou beber. En tal caso, nestes momentos tanto ecoloxistas como autoridades teñen aberta unha fronte que, sospéitase, tardará en pechar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lavado de cara

A rebaixa do nitróxeno mineral do xurro por aireación implica a emisión de amoniaco (potente contaminante) á atmósfera, que acabará elevando o contido en nitratos das augas. O lavado da deteriorada imaxe corporativa de COREN con “auga desnitrificada” non oculta que, froito dunha mala (ou dolosa) planificación, en determinadas zonas (A Limia) se excede con moito á capacidade da superficie agraria para recibir os estercos e xurros producidos nas granxas de porcos e polos. Ao que hai que unir a mala praxe, nesta e noutras zonas, na xestión da aplicación destes refugallos, ricos en nutrientes e por tanto con alto potencial de contaminación, para librase deles de forma o máis barata posíbel aínda que o custe para o medio ambiente sexa inasumíbel. Unha vez trasladado o problema de COREN aos gandeiros e á cidadanía, para cándo unha actuación seria, correctora e contundente da administración? Ou haberá que agardar a que a Unión Europea tome medidas?