GC Aberto

Perversión de PODEMOS en Fene

Mentres unha fenesa de Esquerda Unida, sen primarias e nomeada a dedo capitanea a candidatura de Unidas Podemos en Pontevedra; en Fene, por non tragar coa súa imposición de confluencia, Podemos Galicia aborta a decisión do Circulo local a concorrer aos comicios en solitario.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 23/04/2019

Comparte esta noticia

Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino tras unha reunión no TSXG. EN MAREA - Arquivo
Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino tras unha reunión no TSXG. EN MAREA - Arquivo

En Podemos Fene saboréase estes días o resaibo amargo da decepción, pois tras cinco anos de instaurarse na localidade a formación morada os que nos sumamos a ela coa idea de mudar a forma de facer política, nesta antesala dos novos comicios, percibimos, que mais alá da tan traída transversalidade a realidade pinta xusto ao revés, pois á hora da verdade de nada vale o compromiso social coa veciñanza, nin o arduo traballo desenvolto polo círculo local, cando o que impera é a verticalidade e as decisións asemblearias son “ignoradas” para impoñer unilateralmente os malos hábitos e as confabulacións do ” aparataxe” do partido.

O círculo de Podemos en Fene é o único do norte coruñés que se mantén activo desde a súa fundación, aínda cando polo seu espírito crítico foi repudiado e mesmo excluído polos distintos executivos que en substitución conformaron a dirección galega, pola súa neutralidade e tendencia oposta a prácticas de gregarismo coa cúpula, pois desde sempre a súa traxectoria foi manter vivo o espírito orixinal de Podemos, facendo que o circulo como estrutura local de funcionamento, actuase sen contaxio e respondese á esencia democratizadora que deu orixe á súa constitución. 

De tal xeito que todos e todas os/ as compoñentes con espírito construtivo e sen corpiños ideolóxicos envorcámonos en debater, decidir e resolver sobre aspectos esenciais para o benestar colectivo de Fene e as súas xentes como así referendan as múltiples iniciativas, accións e actividades que acompañan o noso percorrido político durante os últimos cinco anos.

O círculo de Fene á marxe da súa demorada validación é con moito unha excepción no ámbito de Galicia, pois lonxe de converterse nunha casca baleira, nunha estrutura con pés de barro, foi capaz de manter viva no tempo a súa operativa funcional e aberta a súa ligazón coa cidadanía ata o punto de converterse nun referente de vangarda política de recoñecida reputación no ámbito municipal e mesmo na comarca.

Por iso é polo que o encontrón dos últimos días cos representantes de Esquerda Unida na localidade, contrariamente á unidade que se proclama, é o fiel reflexo da disparidade existente entre dúas culturas políticas contrapostas, a dun partido pola vella, de rancios hábitos e control estalinista, ou o que é o mesmo o peor PC de todos os tempos, e doutra parte a súa antítese, que representan os que mantemos a esencia do 15 M e a súa vocación transformadora, e por tanto radicalmente opostos á vella política, a exercer o papel de adláteres, e contrarios a que Podemos sexa un calco do seu mal exemplo político.

Risco que vén consumarse ao prosperar a arbitraria actitude de quen pechando o pé de igualdade á a negociación pretende conformar unha confluencia electoral impoñendo as normas e decisións internas do seu propio partido.

Cando a pesar de tan inconciliábel actitude, a dirección de Podemos Galicia resolve ao seu favor impedindo a concorrencia en solitario das súas siglas en Fene, tal dicotomía ademais dun ninguneo aos propios inscritos da localidade non só induce distanciamento social co electorado senón que tal carga de incoherencia, fará que as eleccións do 2019 ao deixar sen efecto as súas previsións programáticas convértanse na necrolóxica de defunción da formación morada na localidade.

Resulta obvio que en todo isto algo non vai ben, e non o vai por variadas razóns, pero esencialmente por non asumir desde a esfera dirixente que no foro municipal a política real debe comezar na base, nos círculos ou asembleas locais, onde os afiliados deben ser os delegados dunha cidadanía cada vez mais informada, e non incorrer no despropósito de seguir a mesma tónica que os partidos da fornada do 78, utilizando estruturas de prestado que mais que deparar funcionalidade, propician a componenda e prestan acubillo a quen á marxe das bases determinaron impoñer a súa pretensión sobre a racionalidade.

O ocorrido en Fene vén confirmar que mais que exercer de vangarda diferenciada, Podemos que irrompeu hai pouco máis de cinco anos no panorama político español como unha «ferramenta de participación cidadá», tras dous anos e medio de crecemento espontáneo, por abandono de funcións, a acelerada desaparición dos seus círculos e alma da organización, xerou unha perda de penetración social e con iso a capacidade de aglutinar o descontento xeneralizado que lle facía radicalmente distinto.

Unha oportunidade aproveitada con tácito consentimento por Esquerda Unidade para na mais miserábel, das súas versións facerse dono da situación e do control orgánico do aparello que arrastra a Podemos a comportarse como partido usual con nulo dominio do seu funcionamento orgánico.

Cada día que pasa Podemos parécese máis ao que detestaba, sumido nunha encrucillada orgánica e ideolóxica, xa nada queda da súa oferta dunha nova forma de idear e practicar a política, polo menos iso denota o fatal e nauseabundo desenlace de Fene.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bernal Calvo Delaciga

Pois fixeron ben. As organizacións politicas non son reinos de taifas e se hai acordos nacionais entre Ps, EU e Anova, hai que respectalos, que para iso teñen direccións democráticas escollidas polas bases. Xa abonda de tanto individualismo, localismo e posmodernismo.

1 Luz

E así son en todos lados. Os do PC/EU son unha secta (seguen sendo o mesmo de hai 50 anos), os de Podemos, uns ambiciosos de poder rápido. No BNG uns cuadrados tamén. Da dereita xa é sabido. O arte da política é complicada. Fan falla equipos de persoas honestas, intelixentes, astutas e decididas, que consigan logros dunha nova política. Lideres capaces de aglutinar e unir, dando xogo na diversidade. Non é fácil. Xente con altura frente a tanto cutrerío.