A CIG e as patronais do transporte solicitan no xulgado a paralización dos contratos de autobús da Xunta

O sindicato denuncia que son "ruinosos" para as empresas e que "están infravalorados na súa dotación económica".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/04/2019 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O responsable nacional do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, avanzou este martes que o sindicato pedirá no xulgado a paralización dos contratos de autobús do plan de transporte por estrada da Xunta, xa que "están infravalorados na súa dotación económica" e "son ruinosos" para as empresas. Ademais, as catro asociacións patronais tamén mostraron a súa intención de reclamar nos xulgados a paralización destes contratos, segundo explica o sindicato.

Nunha rolda de prensa ofrecida con delegados dos traballadores no local comarcal da CIG en Ferrol, o representante sindical puxo como exemplos os dous proxectos de explotación máis importantes de Ferrolterra, "como é o XG635-A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos, xa que soamente en salarios o primeiro ano tería un déficit de 672.000 euros", "sen computar outro tipo de gastos, só en nóminas".

Outro contrato a licitación, "o XG642, que se denomina Metropolitano de Ferrol, tería unhas perdas de 531.000 euros no seu primeiro ano, só tamén de nóminas". "Datos que recollemos do que se pagou en 2018 aos traballadores e o que estima a Consellería dos salarios no primeiro ano de contrato, entre agosto de 2019 e agosto de 2020", explica. Por todo iso, estes membros da CIG din sentirse "enganados" pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Ethel Vázquez.

PERSOAL

Xesús Pastoriza tamén incidiu en que "estas propostas ademais de estar infravaloradas no ámbito económico, tamén o están no capítulo de persoal". Sinala que no Metropolitano de Ferrol de 51 persoas que hai que subrogar a Consellería "estima que con 30 condutores e 10 acompañantes farían o traballo, xa que agora intégrase o escolar, diminuíndo en 20 condutores". No outro contrato "serían 26 os condutores a subrogar e a Xunta estima que con 20 faríase o traballo".

Ante esta situación Pastoriza destacou que "existe unha gran preocupación e nerviosismo entre os traballadores". Así, anunciou que se realizarán asembleas "con todos os traballadores en todas as comarcas", xa que "as condicións non son asumibles polas empresas", co fin de decidir medidas a tomar.

A CIG pedirá no xulgado a paralización das licitacións dos contratos de autobús da Xunta
A CIG pedirá no xulgado a paralización das licitacións dos contratos de autobús da Xunta | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta