As escisións en diferentes partidos fan aumentar o número de candidaturas alternativas

Algúns partidos desaparecen mentres aparecen novas formacións froito da saída de antigos militantes e outras amplían o seu espectro a outros concellos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Diferentes escisións de partidos tradicionais e de ámbito estatal, como PP e PSOE, farán xurdir ao redor dunha quincena de novas candidaturas en municipios de toda Galicia para as eleccións do próximo 26 de maio. Os exemplos máis soados son as iniciativas impulsadas en Ourense polo exsecretario xeral do PSdeG e exalcalde do Carballiño, Pachi Vázquez, e do expresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Becerreá, o ex socialista Manuel Martínez.

E é que as escisións impulsadas entre estes dous fixeron xurdir un total de 15 proxectos alternativos con repercusión nas provincias de Ourense e Lugo, segundo se desprende das listas para os comicios que publicaron este mércores os respectivos boletíns oficiais do catro provincias.

En concreto, o que foi líder dos socialistas galegos entre 2009 e 2013 impulsa o próximo 26M a candidatura Espazo Común en Ourense, O Carballiño --onde o propio Pachi Vázquez tentará recuperar o bastón de mando--, Boborás, Piñor, San Amaro, Amoeiro, Maceda, Carballeda de Valdeorras e Barbadás. A iniciativa do exlíder socialista tamén se estende ata Tordoia (A Coruña). Ademais de Vázquez, incorpóranse ás listas de Espazo Común, entre outros, o exportavoz socialista na Deputación ourensá Francisco Fraga e a exedila na capital provincial María Quintas, que denunciaron "purgas" no PSOE ourensán por parte da dirección galega.

En Lugo, o expresidente da Deputación e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, cuxas diferenzas co presidente provincial, o socialista Darío Campos, derivou na súa expulsión do goberno, impulsa cara o 26 de maio a marca Galicia Sempre. Con listas presentadas nos municipios de Becerreá, Lugo, Meira, Sarria e Burela --neste último, co nome de Burela Sempre--, Martínez márcase o obxectivo de revalidar a súa acta como deputado provincial.

IDAS E VOLTAS DO PP

No entanto, tamén o PP presenta algunha escisión para o próximo 26M. En Sanxenxo, a que foi alcaldesa entre 2006 e 2015, Catalina González Bea, encabeza a lista do seu novo proxecto Xuntos por Sanxenxo despois de que o pasado mes de xaneiro transcendese que abandonara as filas populares.

Pero tamén se producen movementos en dirección contraria, dado que o alcalde de Chantada (Lugo), Manuel Lorenzo Varela, anunciou a súa volta ao PP despois de deixalo en 2008 para fundar Independentes de Terras do Asma. Ademais, o rexedor figura como número tres na lista desta formación para o Senado por Lugo.

Paralelo a todo iso e á xa materializada división de candidaturas da denominada 'unidade popular', mantéñense outros partidos xa arraigados como Democracia Orensana, impulsado polo concelleiro Gonzalo Pérez Jácome. Coa mesma denominación que na capital provincial, Democracia Orensana presentarase tamén nos municipios de Amoeiro, Baños de Molgas, Barbadás, Cartelle, A Merca, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Toén, Vilamarín e Castrelo de Miño. Como curiosidade, destaca na cidade herculina a lista Democracia Coruñesa, co excoordinador provincial de Ciudadanos Miguel Ángel Rosende como número un.

VOX, UPYD E TERRA GALEGA

Por outra banda, o auxe de Vox leva a que este partido se presente nun total de 13 municipios que inclúen Verín, Burela, Sada, O Porriño, Vilagarcía de Arousa e Baiona, ademais das sete urbes. Ocupando o centro no espectro político, UPyD tan só se mantén en Galicia en Vilagarcía de Arousa, desaparecendo así das principais cidades nas que se presentaron en 2015. Mentres tanto, Ciudadanos presenta para o próximo 26 de maio unhas 80 listas en toda a Comunidade. Nestes casos excepcionais cabe engadir Terra Galega, a formación galeguista que rexistrou candidaturas en cinco concellos: Pontevedra, Carballo, Coristanco, Narón e Val do Dubra.

Coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, como rexedora máis emblemática, este partido estaba tamén á fronte do Consistorio de Coristanco ata que no verán de 2017 unha moción de censura impulsada polo PSOE e o PP --co xa exsocialista Amancio Lavandeira como candidato-- quitou do mando a Amancio Lavandeira.

Voto nas eleccións municipais
Voto nas eleccións municipais | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta