O alcalde de Pontevedra anuncia unha campaña electoral "intensa" na que o BNG pelexará "por todo e sen límites"

A campaña do Bloque arrincará cun mitin no Teatro Principal o 10 de maio coa presenza de Ana Pontón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2019 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra desde 1999, Miguel Anxo Fernández Lores, aspira á reelección nas eleccións municipais do próximo 26 de maio, polo que anuncia que os membros da candidatura do BNG que el encabeza pelexarán "por todo e sen límites".

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Europa Press.

Lores compareceu este xoves xunto á coordinadora de campaña do BNG, Anabel Gulías, para explicar o traballo que desenvolverán os nacionalistas ante esta nova cita coas urnas. Anunciaron que a do Bloque será unha campaña "intensa" e tamén "diversa".

Miguel Anxo Fernández Lores asegura estar "ilusionado" xa que percibe na cidade unha "onda de simpatía" cara ao BNG e porque entende que "o mellor está por vir".

Neste sentido, insistiu en que farán un "esforzo grande" por trasladar á cidadanía que "non está todo feito" e que existe unha "perspectiva favorable" de cara ao futuro da cidade, pero que isto "depende das papeletas nas urnas".

Anabel Gulías informou que xa teñen programados máis de trinta actos por todo o municipio para presentar o seu proxecto e escoitar as peticións dos veciños.

A campaña do BNG arrincará cun mitin no Teatro Principal, o venres 10 de maio, coa presenza do seu portavoz nacional, Ana Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta