O Premio Nobel Ben Feringa alerta en Santiago do risco de que Europa "quede atrás" se non aposta pola ciencia

Será investido doutor 'honoris causa' da Universidade de Santiago este mércores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2019 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O científico neerlandés Ben Feringa, Premio Nobel de Química en 2016 polo deseño e síntese de máquinas moleculares, participou este martes nunha visita institucional en Santiago onde mostrou "o comezo dunha nova era" que supoñen as súas investigacións e onde será investido este mércores doutor 'honoris causa' da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

PREMIO NOBEL
PREMIO NOBEL | Fonte: Europa Press

Convidado polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e o programa Conciencia da USC, Feringa volveu á capital galega, onde xa estivo "seis ou sete veces", para ser investido doutor 'honoris causa' xunto co profesor Nicholas A. Peppas.

Este martes, o Premio Nobel destacou a importancia da "investigación básica", que pode ser utilizada en múltiples avances. Así, explicou os estudos que lle fixeron facerse co prestixioso premio da Academia Sueca, que consisten na creación de "moléculas dinámicas, máquinas moleculares" que se moven cando incide luz sobre elas.

"Con elas poderíanse crear, entre outras moitas cousas, pastillas que vaian a aquelas partes do corpo onde está o problema e que fagan o seu traballo cando incide a luz sobre elas. Serían medicamentos máis precisos", indicou Ben Feringa.

Neste sentido, subliñou que isto significa "o comezo dunha nova era", xa que estas moléculas poden ser utilizadas para crear "materiais que se autorreparen eles mesmos ou cristais que se limpen sós". "En 15 ou 20 anos xa non teredes que limpar xamais os vosos coches", chanceou o distinguido científico.

INVESTIGACIÓN

Para Ben Feringa, a investigación "ten que pensar no futuro", polo que "hai que ensinar aos estudantes a que non miren para o agora, senón para dentro de 10 ou 20 anos".

"É difícil predicir cales van ser os grandes descubrimentos do futuro, hai que enfrontalos ás fronteiras do coñecemento", apostilou o Nóbel, quen engadiu que nos anos 1950 ninguén podía esperar que existisen os teléfonos móbiles e foi posible o seu desenvolvemento grazas á "investigación básica".

Tamén insistiu na necesidade de que Europa aposte pola cencia e tecnoloxía, "porque senón vai quedar atrás", en comparación con outros países como China "que se está desenvolvendo moi rápido".

AXENDA

Entre a axenda que desenvolverá Ben Feringa en Galicia, esta tarde participará nun encontro con estudantes de bacharelato de distintos institutos, que terá lugar ás 16,30 horas no CiQUS. Ao acabar, ás 19,00 horas, Feringa será recibido polo reitor da USC, Antonio López.

Os actos centrais da visita de Ben Feringa a Galicia terán lugar este mércores. Nunha cerimonia matinal apadriñada polo profesor da USC e director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, o Nobel será investido doutor 'honoris causa' xunto co profesor Nicholas A. Peppas.

Xa pola tarde, ás 19,00 horas no Auditorio Abanca de Compostela, impartirá a conferencia aberta ao público 'The joy of discovery' --A alegría do descubrimento--, enmarcada no Programa Conciencia da USC e do Consorcio de Santiago que dirixe o profesor Jorge Mira e na que actuará como padriño un dos seus antigos colaboradores, o profesor da USC e investigador principal do CiQUS Diego Pena.

Ben Feringa naceu nos Países Baixos en 1951 e estudou na Universidade de Groningen, onde na actualidade é catedrático de Química. É pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar como máquinas de tamaño nanomolecular. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un reto construílas artificialmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta