A Xunta di que a nova Lei de rehabilitación é para "dar vida aos centros históricos"

En Marea advirte que a norma "contradí" a Constitución e "pon en perigo" os conxuntos históricos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Infraestruturas e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que a protección do patrimonio cultural das cidades e localidades galegas "está totalmente garantida" e defende que a nova Lei de Rehabilitación, que entrará en vigor o 22 de maio, busca "loitar contra o abandono" e "dar vida aos centros históricos" dos municipios.

Así o trasladou nunha interpelación realizada polo grupo de En Marea durante a sesión parlamentaria deste mércores. A deputada Ánxeles Cuña advertiu das "consecuencias gravísimas" que terá esta norma para o patrimonio galego.

Cuña cualificou o texto de "cóctel lexislativo" para dar "barra libre" á "especulación irresponsable", e que se utilizará para "baleirar de contido" aos conxuntos históricos. Neste sentido, considerou que a Lei "contradí outras normas", como a Lei de Patrimonio ou a Lei do Chan, dicindo que os plans especiais "non serven para nada". Ademais, pásanse por alto as recomendacións internacionais e "a Constitución", que insta as administracións a "coidar" do patrimonio.

"Busca beneficios inmediatos, considerando o patrimonio dándolle un prezo", insistiu, advertindo de que "só os inmobles declarados BIC contarán con protección integral". "Ou non se leron a lei e non poden ser obxectivos ou perseguen algo distinto", respondeu Vázquez, acusando a En Marea de tentar "confundir, e enganar sobre unha lei que só busca recuperar o construído" e "loitar contra o abandono".

Neste sentido, asegurou que a norma "potencia a figura dos plans especiais" en materia de protección de patrimonio, e non se trata de forma uniforme a todos os conxuntos, senón que se establece a necesidade de contar cunha planificación específica que atenda "todas e cada unha das súas particularidades".

"NON É UN CHEQUE EN BRANCO"

"Non é un cheque en branco", sinalou, destacando que a lei "deixa claro" que todas as actuacións estarán suxeitas á tutela "permanente" das administracións. Finalmente, defendeu que a nova normativa permitirá "ser áxiles" nos trámites e eliminar "barreiras" para a adquisición de inmobles, e evitar contar con edificios "destruídos, derruidos" e con problemas de habitabilidade, entre outros.

Casco vello de Betanzos
Casco vello de Betanzos | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta