Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2025 | Actualizada ás 14:53
O Consello da Cultura Galega (CCG) publicou a guía docente 'Axudádeme a cantar', un documento que pretende funcionar como un punto de encontro entre os saberes populares e tradicionais cos académicos, "ademais de visibilizar o papel central das mulleres no patrimonio musical e literario de Galicia". Coordinado por Renée de Palma, o documento está orientado ao terceiro ciclo de educación primaria e é extensible a outros niveis, trátase dun produto complementario á serie audiovisual homónima elaborada polo CCG e que percorre en seis capítulos a historia deste tipo de literatura oral.
Unha das propostas didácticas que contén esta guía é 'Organizamos unha foliada na escola', que inclúe sete pasos para logralo. O primeiro, titulado 'Saber o que é' pretende facer un percorrido histórico sobre os nomes detrás deste fenómeno. O segundo paso é 'Crear comunidade', que busca identificar o que os escolares saben sobre as tradicións galegas e o mundo da festa. O terceiro paso é 'Planificar o baile comunal', que se achega á danza e ao baile cun enfoque crítico respecto da reprodución do folclore.
Segundo detallou o CCG nunha nota de prensa, o cuarto paso indaga nas melodías tradicionais co foco posto na forma na que artistas contemporáneos compoñen coa música tradicional como eixo e actualízanas. No caso do quinto paso, este pretende ensinar aos mozos o efecto que a emigración tivo sobre estas tradicións. Os instrumentos son os protagonistas do sexto paso e, finalmente, a celebración da foliada é o último paso desta guía docente que inclúe no anexo as partituras da Xota de Liñares (Avión) e a Xota e o Agarrado de Teaio (ambas as de Dodro).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.