Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Hai voces que non queren brillar. Que cantan baixiño, entre portas, sen escenario nin micrófono. Voces que agroman na cociña mentres se prepara a comida, ou no campo, ao ritmo da sega e do gando. Voces que medraron co cheiro a caldo e a terra mollada, entre fillos, festas, traballo e invernos longos. Son voces de muller, de aldea, de lembranza e resistencia. Voces que gardan nas súas melodías unha historia que nunca se escribiu, pero que se leva dentro. Miguel (@miguelblesta), un mozo de Brión de 27 anos, e dous dos seus dous amigos saben que eses ecos humildes agochan o corazón dunha cultura que se transmite pola oralidade, polo oído, polo sentimento. Por iso collen a cámara, a pandeireta e o coche e percorren Galicia adiante buscando esas cantareiras que nunca foron protagonistas dun cartel, nin saíron na televisión, nin pisaron un gran escenario. Son as que cantaban para vivir, para acompañar a soidade, para celebrar ou espantar a pena. Non para destacar, senón para manter acesa a chama dun saber que non debemos deixar que se apague.
A aventura de Miguel e os seus amigos comezou como algo pequeno, por pura paixón, pero que xa desborda as redes e o panorama cultural galego. "Somos tres amigos que nos coñecemos por Cantigas e Agarimos", di Miguel, que explica con ese ton amable e entusiasta que o caracteriza que, dende o primeiro intre. apostaron por este proxecto común. Sen máis axuda que a vontede. Sen máis interese que a emoción. Sen máis destino ca o propio camiño. Ao preguntarlle se custa conseguir que as señoras maiores lles conten cousas, explica que, "certo é que sempre hai que tirar un pouquiño, porque de primeiras, obviamente, a xente desconfía cando ve aparecer tres descoñecidos pola porta, paréceme normal". "Eu mesmo non sei sequera se chegaría a abrir a porta de atoparme nesa situación", chancea con nós. Con todo, asegura que "a xente de Galicia é moi agradable", polo que a cousa cambia tan pronto como "lles explicamos o que queremos" e cando "ven que somos tres pipioliños". Tal é o cambio que "mesmo rematamos entrando nas casas destas mulleres que moi amablemente nos contan absolutamente todo o que saben".
"AS MULLERES QUE IMOS ENTREVISTANDO POLAS ALDEAS E VILAS GALEGAS NON LLE DÁN VALOR Á SÚA SABEDORÍA, PERO PARA NÓS SIGNIFICA MOITO"
Para Miguel, sen dúbida, a tónica xeral que sempre se repite ao longo destas visitas é a da sorpresa nas caras destas mulleres, a maioría do rural galego, que quedan abraiadas ante o interese deste grupo de rapaces por coñecer a sabedoría popular. "Quedan moi sorprendidas e, ao tempo, agradecidas de poder compartir con nós o que saben, algo ao que elas non lle dán valor, pero que para nós si significa moito", confesa. Ademais, chancea con que moitas veces lle teñen dito a mítica frase de 'isto é para a televisión?', ao que eles respostan 'non, isto é porque nos gusta aprender para logo poder dar clases aos nenos e ás nenas sobre a nosa cultura popular'. E claro, con semellante contestación non son poucas as señoras que se emocionan, entusiasmadas porque os seus coñecementos non se perdan cando elas xa non estean e poidan ser transmitidos ás novas xeracións.
Esa emoción chégalles tamén a estes rapaces, e Miguel confesa que "temos ata chorado durante algunhas recollidas", ao igual que "quedado a durmir ou a comer en moitas casas". Durante estas visitas os novos crean lazos moi estreitos, aínda que só pasen con estas mulleres unhas horas, porque "a música remata conectándonos dende o corazón, como nunca teriamos imaxinado". Ademais, Miguel tamén confesa que "escoitar cantar á xente de antes non é como escoitar á xente de agora", no senso de que "as voces de antes son tan boas como as de agora, pero a diferenza está en que as voces de antes notas que saen do corazón, que son máis auténticas". Así, insiste en que a música "é algo que estas mulleres levan toda a vida experimentando, foron criadas niso, cantando absolutamente a todas as horas do día", o cal é algo que "se transmite dende o primeiro momento que as coñecemos".
"CANTAREIRAS HAI EN TODOS OS CONCELLOS GALEGOS, MÁIS OU MENOS EN FUNCIÓN DE DIVERSOS MOTIVOS, PERO NON HAI QUE REBUSCAR ESPECIALMENTE"
Así, o material que recompilan Miguel e os seus amigos chega logo ás aulas, a través das súas clases, que son as que tamén lles aportan o financiamento para poder seguir mantendo estas saídas e coñecendo as cantareiras da nosa terra, algo que para eles é un 'hobby' e unha paixón máis ca un traballo. A cantidade de testemuños que teñen xa é tal que o brionés confesa que "eu creo que nunca seremos quen de montar todo o que nos teñen ensinado aínda que adiquemos toda a nosa vida, por esaxerado que poida semellar". Sexa como sexa, amósase orgulloso do que teñen xa logrado. "Seguimos facendo isto porque nos flipa e porque nos encanta seguir aprendendo cousas e seguir descubrindo e coñecendo xente", resalta. Tanto é o que lles gusta a aventura que nin sequera saen cunha folla de ruta marcada, senón que van improvisando sobre a marcha, porque saben que non hai moito que rebuscar para atopar unha cantareira en Galicia. "Cantareiras hai en todos os concellos de Galicia, máis ou menos en función de diversos motivos, pero non hai que rebuscar especialmente", afirma.
Ademais, reflexiona sobre o feito de que "todo o mundo sabe cantar, todo o mundo coñece algunha melodía e todo o mundo mantén algunha tradición, aínda que agora xa non estea tan en auxe porque o mundo mudou completamente de hai 20 anos cara aquí". E pon enriba da mesa un pensamento moi fermoso: "Toda persoa que viviu antes dos 2000 xa viviu cousas totalmente distintas a nós, polo que as xeracións máis novas podemos aprender moito dela". E é que Miguel celebra todas esas relacións estreitas entre avós, fillos e netos, pois "é o máis bonito que hai no mundo". En relación a iso, cóntanos unha historia moi especial que viviu durante unha das súas recompilacións, e que lle encheu o corazón: "Estabamos no concello de Cervantes explorando e faláronnos dunha muller que cantaba e que sabía moitísimos cantares; cando chegamos á súa casa atopámonos que estaba impedida na cama e os membros da familia facían vida arredor dela, pois tíñana no salón e sempre estaban con ela". "Cando chegamos, atendeunos de mil amores e todos pararon de facer as súas cousas para sentarse arredor da cama a escoitala toda a tarde, cantando e axudándolle a lembrar cousas que se lle esquecían", explica Miguel cunha emoción que case remata en bágoas.
"HAI QUE POÑER EN VALOR ESE PATRIMONIO ANÓNIMO, ESAS MULLERES QUE NON BUSCAN RECOÑECEMENTO, QUE O QUEREN É QUE SE MANTEÑA O SEU SABER"
No tocante ao Día das Letras Galegas, este mozo brionés celebra que se adique ás cantareiras. "Agora saíronnos eventos por todos lados, dende concertos ata homenaxes, e era algo que na vida soñabamos con facer", conta. Pero, para el, o máis importante é que "esta homenaxe a toda esa xente que nos ensina de balde, sen gañar nada con isto, era fundamental". "Semella que veu unha estrela divina a escoitar as nosas peticións e estamos moi contentos de que así sexa", afirma, falando tamén en nome dos seus amigos de ruta. E insiste en que "nós estamos facendo todo que estamos facendo e logrando todo o que estamos logrando grazas a esta xente, a estas cantareiras que o son aínda sen sabelo ou sen ser conscientes de que o son". Así mesmo, destaca algo fundamental: "Hai que poñer en valor ese patrimonio anónimo, esas mulleres que non buscan recoñecemento, nin moito menos, que o que queren é que se manteña o seu saber".
Neste senso, o material que están acumulando estes tres mozos, este arquivo vivo, é unha xoia digna de preservar. "Aínda non pensamos moi fondamente que facer con el, porque por agora priorizamos a parte de recompilar", explica Miguel, que se amosa consciente de que "esta xente que nos pode ensinar o saber popular vai faltando cada ano, polo que hai que darse présa". Iso si, para garantir que unha vez recompilado o material non se perda, tamén confesa que "cada un de nós ten polo menos tres copias de seguridade, por se se perde unha que non se perda realmente". De cara ao futuro, asegura que "si que nos gustaría que isto fose patrimonio de todos", pero, polo dagora, "unicamente estamos centrados en facer os vídeos que ensinamos logo nas clases --e tamén anaquiños que comparten nas redes sociais-- como a nosa maneira de dalo a coñecer". Porque, á fin e ao cabo, todas as saídas que fan na procura de material teñen un custo para eles, non só a nivel económico, senón tamén anímico, de maneira que "nas clases que damos, tendo material propio, diferenciámonos doutros profesores, o que nos permite seguir autofinanciándonos".
"CO TEMPO DEIME CONTA DE QUE O PROBLEMA NON ERA QUE Á XENTE NOVA NON LLE GUSTASE A NOSA TRADICIÓN, É QUE A DESCOÑECÍAN"
Finalmente, e contra o que tende a pensarse, Miguel tamén se amosa ledo por ver tanta xente nova comentando nos seus vídeos e apoiando este tipo de contido, porque iso demostra que as novas xeracións tamén están interesadas en coñecer e preservar a cultura popular galega e o noso folclore tradicional. Fai cousa duns meses o Galicia Confidencial xa tivo a oportunidade de entrevistar a este mozo brionés e dicíanos que, ás veces, se sentía coma un becho raro porque lle gustasen estas cousas. Sen embargo, a día de hoxe, e tras ter medrado nas redes ata acadar a frioleira de 9.500 seguidores en Instagram (@miguelblesta) e máis de 3.000 en Tik Tok (@miguelblesta), asegura que "doume conta de que non era tan raro como eu pensaba", senón que "o problema realmente estaba en que moita xente non coñecía estas cousas". "Non é que non lle gustase a nosa tradición, é que a descoñecían", afirma, engandindo que, "cando a descobren, como estou comprobando en vivo e en directo, fana súa tamén". E pon o exemplo de levar o baile tradicional e a música da gaita ou a pandeireta ao seu divertimento actual. "Cando descobren o que son as foliadas, os concertos de música galega da man de artistas como Mondra ou Fillas de Cassandra, xa non dan volta atrás e fan que cada vez máis xente se una a este mundo, ao da música tradicional galega", celebra, asegurando que "hai cultura galega para moitos anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.