Feijóo sobre a crise no PP: “O primeiro responsable dos resultados en Galicia das Xerais son eu”

O líder do PP fai autocrítica e insiste na mensaxe de unidade do Partido Popular nun dos momentos de máxima debilidade desta formación. “Vox é un xoguete en mans do PSOE”, di aínda que recoñece que o PP pode gobernar nas cidades co seu apoio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/05/2019 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O PP saíu moi tocado, case afundido, das eleccións xerais do pasado 29 de abril. Pero, a pesar das dificultades, os seus dirixentes preferiron calar en público o que moitos deles din en privado, a deriva incerta do seu futuro. E un dos expoñentes desta posición de calar e tirar para adiante é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que a diferencia do que acontece noutros partidos, evitou criticar ao seu líder e asumir como propios os erros cometidos.

Feijóo e Casado en Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS EUROPA PRESS
Feijóo e Casado en Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS EUROPA PRESS

O primeiro responsable dos resultados do PP en Galicia o pasado 29 de abril son eu”. Deste xeito tan tallante quixo asumir Feijóo a súa responsabilidade no batacazo electoral do PP. Por iso, preguntado sobre o futuro de Pablo Casado, quixo evitar entrar ao trapo e asumir as súas culpas na desfeita popular.

“Hai que ser autocríticos e, cada un, dentro da súa responsabilidade, eu coma líder en Galicia, líderes provinciais, alcaldes... teñen que asumir a súa cota de responsabilidade”, indicou. “Primeiro hai que facer autocrítica, antes que crítica”, suliñou.

Por iso, evitou confirmar o que horas antes dixera nunha entrevista en Onda Cero descartando ir a Madrid para substituír a Casado. “Eu sempre dixen que me debo a Galicia e que sigo sendo o presidente do PP de Galicia”, insistiu. “E desa postura non me movo”, aclarou.

Neste sentido, Feijóo volveu suliñar a necesidade de unir, agora, máis que nunca o partido para facer fronte ás eleccións municipais e europeas. “Agora empeza a segunda volta e a ver se consolidamos a remontada”, dixo. Así, e facendo un símil co acontecido na Champion League, dixo, “ao mellor pasa como co Barça e o Ajax, que ao final, quedaron eliminados”.

VOX, “UN XOGUETE”

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o líder do PP volveu cargar contra Vox e Ciudadanos aos que responsabilizou do batacazo do PP ao dividir o voto da dereita. “Vox é un xoguete en mans do PSOE”, criticou e lembrou que a proposta que lanzou este partido e C's de “1+1+1” no Senado serviu para que os socialistas teñan maioría nesta Cámara.

“Agora a xente xa coñece as mentiras de Vox e Ciudadanos e ao que estiveron xogando e por iso confiamos na remontada”, destacou. 

PACTO CON VOX

Con todo, evitou aclarar si pactará con Vox no caso de que a suma entre PP, C's e a formación de ultradereita sexa a maioritaria. Neste sentido, descartou que en Andalucía haxa un acordo de goberno. “O que hai alí é un pacto no que eles nos apoiaron, pero non están no goberno”, indicou.

Deste xeito, Feijóo non descartou que esa posibilidade tamén se poida dar nalgún concello galego e insitiu en que, por agora, o PP “non goberna en ningún sitio con Vox”. “O que temos que facer é unir o voto para evitar o que pasou nas xerais”, dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Poix xa sabes: porta e a casiña