Radiografía da pesca tradicional en Galicia: “Así é moi difícil que un pescador sobreviva, estamos afogando”

A pesca tradicional en Galicia está a vivir momentos delicados. Xoan Salvador Ribadomar, representante da Irmandade Mariñeira de Galicia, explica como as decisións administrativas están a complicar a supervivencia do sector. Estas remóntanse á entrada de España na Unión Europea.

Por Brais Nogueira | Cambados | 10/05/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Ao longo da historia, a pesca en Galicia foi un dos piares económicos do país, do mesmo xeito que o é na actualidade. Un xeito de vida que está en perigo. A Irmandade Mariñeira de Galicia en conxunto coa Unió de Percadors Artesanals de Catalunya denuncian que os novos requisitos da UE provocarán a morte da pesca tradicional. “Pérdense flota e postos de traballo para dar beneficio a outros sectores económicos ou a grandes empresas”, denuncian.

A cota da sardiña foi produto de polémicas nos últimos anos.
A cota da sardiña foi produto de polémicas nos últimos anos.

Xoan Salvador Ribadomar, representante da Irmandade Mariñeira de Galicia, coñece moi ben o negro futuro que lles agarda. Por iso, en declaracións ao GC denuncia que os mariñeiros están sometidos a unha gran cantidade de burocracia moi complicada de cumprir. “Por exemplo, un barco galego de mais de 10 metros está obrigado a levar un libro de control de descargas. A situación é que cando un barco pequeno pode mollarse e borrarse. Iso automaticamente significa multa”, explica.

Se se aproba a nova normativa europea suporá a eliminación da posibilidade de transferencia mediante compra dos dereitos de pesca; o control real da actividade pesqueira industrial e establecer a gratuidade total das titulacións e especializacións para poder exercer o traballo de pescador.

Por iso, Ribadomar incide nos cartos que os mariñeiros deben gastar para poder desenvolver o seu oficio. “O título de mariñeiro pescador existe en escolas públicas pero non hai demanda suficiente, polo que obriga a ir cara as privadas”, laméntase Ribadomar. “Despois o título de Formación Básica en Seguridade Marítima, que por outro lado é necesaria, antes era gratuíto e agora custa centos de euros de euros e 500 máis pola renovación cada cinco anos”.

Tamén se queixa do que custan cursos como o título que lle acredita para facer uso da radio ou un título de formación sanitaria “que non é máis que unha parte do curso de seguridade marítima pero que illan e custa sobre 400 euros”. En síntese, para Ribadomar isto constitúe “un gran negocio para as academias privadas de formación cando nós pagamos na Seguridade Social unha porcentaxe pola formación”.

A pesca tradicional vive momentos complicados.
A pesca tradicional vive momentos complicados.

UNIÓN EUROPEA

Para o patrón pesqueiro, un dos maiores problemas son as dinámicas que se levan arrastrando desde que España entrou na Unión Europea. “O Estado Español non tira por nós. Están dominados por grandes capitais transnacionais e son eles a través dos lobbys de presión en Europa os que fan as políticas pesqueiras”

Algo que critica son as cotas que reparten o dereito de pesca. “Como pode ser que, por exemplo, na Península Ibérica Portugal leve o 70% de sardiña? Iso fai que ao mellor a un barco galego lle toquen 1.000 quilos de sardiña a semana, e hai barcos dese tipo que poden costar un millón de euros. Así quen pode vivir dignamente? Laméntase Ribadomar.

Outro dos temas que considera moi negativo para a supervivencia da pesca tradicional é a posibilidade de comerciar con parte da cota. “Dende fai dous anos isto é posible. As empresas multinacionais páganlle unha miseria aos barcos que non lles compensa saír ao mar. Isto beneficia ao armador pero toda a tripulación queda fora”. Explica tamén que, polo momento, os lugares do Estado onde mellor se ve isto é en Andalucía ou Canarias. El non ve nada de malo no feito de intercambiar cotas se hai necesidade “pero nunca con rendemento económico de por medio”.

UN OFICIO QUE SE ESTÁ A PERDER

Debido a todas estas problemáticas, non está a haber recambio neste oficio que é habitual que pase de xeración a xeración. “Os pais non deixan aos fillos co barco porque saben os problemas que trae. A día de hoxe, teño que traballar máis horas e dun xeito máis sacrificado que cando comecei no ano 79, a pesar de todos os avances tecnolóxicos”, continúa Ribadomar.

Para o representante da Irmandade Mariñeira de Galicia, todos estes factores están a ter consecuencias moi graves nas condicións de traballo. “Hai casos de que hai persoas que cobran 700 euros por saír seis meses ao mar, e son xornadas moi duras e longas. Pode considerarse incluso escravitude”, denuncia. “Nós o que pedimos ao Goberno é que inicien inspeccións de traballo na pesca de altura porque é unha situación insostible”.

Polo tanto, non hai relevo xeracional porque é un traballo que non compensa. “Dado o panorama, os pais ata prefiren que os seus fillos traballen de camareiros con contrato temporal a isto, porque os ingresos son tan baixos que te obriga a saír con temporal e polo tanto, arriscar a vida”. A situación que ve ao seu redor é de escepticismo. “Toda a xente está agardando para poder xubilarse dunha vez, se isto continúa así non lle dou máis de dez anos ao sector”, laméntase.

CERTA CULPA AO SECTOR

Aclara que tamén lle bota parte de culpa ao sector. “Tamén foi culpa nosa, por suposto, por deixarnos levar e estivemos a velas vir, por non loitar ata agora. Pero soamente facéndoo poderemos acadar algún dos nosos obxectivos”, sinala. “Así é moi difícil que o pescador tradicional sobreviva, estamos afogando”.

Respecto a situación dos patróns maiores, considera que algúns son leais á causa pero outros non. Sinala que houbo algúns que protestaron pero que non poden falar demasiado “debido a presións”. Pola conta, para el outros “son correas de transmisión da Xunta. Soamente se pode entender así que por exemplo saíran a defender a ENCE na ría de Pontevedra. Son uns vendidos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 arzua

non me creo nada. o sector é muito chorón e pouco proactivo

1 arzua

estou dacordo en algunhas cousas, como as das inspeccións de traballo na pesca de altura porque é unha situación insostible”. mas, de que estamos a falar, da pesca artesanal ou da industrial?