Técnicos forestais protestarán este xoves ante a Xunta para reclamar que se negocien melloras laborais

A protesta está convocada para este xoves 16 de maio ás 10:30 h diante da Consellería de Medio Rural en Santiago de Compostela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Técnicos forestais vinculados ao servizo da Xunta de loita contra o lume protestarán este xoves, 16 de maio (10,30 horas), ante a Consellería de Medio Rural, en Santiago, para reclamar que se abra unha mesa de negociación co fin de conseguir melloras laborais. Este acto reivindicativo está convocado de forma conxunta polos sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UXT, que denuncian "a dilación" dun ano por parte da Xunta para a apertura da mesa de negociación, no que tachan de "absoluta falta de respecto" aos traballadores.

Membro do equipo de extinción de incendios loitando contra o gran lume de Rianxo e Dodro
Membro do equipo de extinción de incendios loitando contra o gran lume de Rianxo e Dodro | Fonte: Miguel Núñez

Así, explican que o cadro deste persoal data de 1999, cando non existía lei de incendios de Galicia nin de montes, polo que o desenvolvemento normativo dos últimos tempos obriga ao persoal técnico a fiscalizar cada vez máis a xestión do territorio, que implica un aumento de tarefas. Estes traballadores teñen tarefas como investigacións en incendios forestais, dirección de extinción de incendios, así como direccións de obras e aproveitamentos forestais en montes.

De tal forma, apuntan que o acordo polo que se rexe o colectivo para a realización de traballo na época de máximo risco de incendios entrou en vigor en 2008, "e aínda que está prorrogado tacitamente, non se actualizou desde a súa firma, o que provoca un desfasamento considerable entre as condicións de traballo e as circunstancias legais e económicas do momento actual".

De tal modo, esíxese que "se consideren como horas de traballo efectivo as 500 horas nocturnas anuais que fan os técnicos forestais por encima da carga horaria doutros funcionarios, como marca o dereito comunitario, así como o cumprimento da normativa laboral en relación a horas traballadas e descansos semanais dos xefes de distrito".

Así mesmo, demándase unha reorganización de condicións de traballo do persoal técnico cun aumento "substancial" do persoal, que permita atender as "múltiples" tarefas, cun número de días de descanso e vacacións "adecuado", unido a unha mellora de retribucións. Tamén se empraza á realización dunha oferta de emprego público de todas as vacantes, así como a regulación da segunda actividade e coeficientes reductores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta