Por Galicia Confidencial | Muxía | 15/05/2019 | Actualizada ás 20:22
O presunto autor do apuñalamento dunha muller este mércores en Vimianzo foi detido. Así o confirmaron a Galicia Confidencial fontes implicadas na súa procura. De feito, un gran despregamento da Garda Civil e da Policía Nacional buscaba desde primeira hora da mañá deste mércores a este home que acoitelou en Vimianzo (A Coruña) a Montserrat López Mosquera que permanece en estado grave, no que se investiga como unha agresión de violencia de xénero.
O home, Javier Miñones, moi coñecido en Vimianzo por ser candidato de CxG nas eleccións municipais de 2015 e, sobre todo, pola súa faceta de autor, aínda que é fontaneiro, apareceu ensanguentado no interior da furgoneta na que fuxira na praia de Muíños, en Muxía. Segundo as fontes consultadas autolesionouse coa mesma arma coa que case mata a súa ex parella.
Foi un turista estranxeiro o que deu a voz de alarma a media tarde deste xoves tras comprobar que había un home ferido dentro dunha furgoneta e que non reaccionaba. Estaba espido de cintura para arriba e autolesionarase, sobre todo, nos brazos, polo que perdeu moito sangue. Segundo as fontes consultadas, o seu estado é grave. Tras chegar ao lugar a Garda Civil comprobou que se trataba da persoa buscada.
No operativo para dar con el participou un helicóptero da Garda Civil e varias patrullas das forzas e corpos de seguridade do Estado.
ACOITELAMENTO
Os feitos sucederon pouco despois das 9,00 horas da mañá deste mércores fronte ás oficinas de Unións Agrarias en Vimianzo, onde traballa a vítima. A muller entraba en compañía dunha clienta cando apareceu no lugar a súa ex parella, armado cun coitelo con actitude "moi agresiva" e iniciou unha "discusión moi forte", segundo explicou o delegado do Goberno, Javier Losada.
A clienta, apuntaron testemuñas presenciais, acudiu entón a pedir axuda ás persoas que se atopaban pola zona, entre elas numerosos pais que a esa hora deixaban aos seus fillos nun colexio próximo e, ao regresar, atopouse á muller esborrallada sobre un charco de sangue. O agresor, que lle cravou o coitelo no pescozo, montouse posteriormente nunha furgoneta branca e deuse á fuga. Polo momento, aínda non foi localizado.
A vítima, Montserrat López Mosquera, de 41 anos e moi coñecida e querida na localidade coruñesa, foi trasladada por un helicóptero sanitario do 061 ata o Hospital Clínico de Santiago. Aínda que se atopaba consciente, o seu estado é moi grave e, polo momento, descoñécese a súa evolución.
CONCENTRACIÓN DIANTE DO LUGAR ONDE FOI ACOITELADA
Varias decenas de compañeiros de Montserrat López Mosquera no sindicato Unións Agrarias concentráronse este mércores ante a sede da entidade en Santiago de Compostela para trasladar a súa condena "máis enérxica" polo "brutal atentado" machista que sufriu no municipio de Vimianzo.
A comitiva, encabezada por Roberto García e por Rosa Arcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), protagonizou un minuto de silencio tras unha pancarta na que se lía 'Non á violencia machista, Ánimo Montse!'. Tamén contaron co apoio de representantes do panorama político municipal de Compostela, como o candidato socialista á Alcaldía, Xosé Sánchez Bugallo, entre outros.
Ante a presenza de "case todos os compañeiros de traballo" que levan con Montse "desde hai máis de 24 anos", García trasladou a súa "condena" ao "brutal atentado" que sufriu esta mañá "no seu centro de traballo", que lles fai "ser conscientes de que non hai lugares seguros", nin sequera no medio rural, e que non se debe ver a violencia de xénero "como algo afastado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.