Escritores, familiares e amigos percorren a vida de Antornio Fraguas nunha curtametraxe

Quique Queiman e Andrea Pousa son os autores da peza dedicada ao homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

Os artistas Quique Queiman e Andrea Pousa gravaron unha curtametraxe documental na que académicos, escritores, familiares e personalidades vinculadas a Antonio Fraguas percorren a vida e obra deste intelectual homenaxeado neste 2019 co Día das Letras Galegas.

PONTEVEDRA (Letras Galegas.-). REMITIDA
PONTEVEDRA (Letras Galegas.-). REMITIDA | Fonte: Europa Press

A película xurdiu durante o traballo de procura de información para dar forma ao seu espectáculo musical 'Amantes da Terra', inspirado na vida e legado do etnógrafo de Cotobade.

A curtametraxe foi presentada este xoves na Casa das Campás, sede da Vicerrectoría do campus de Pontevedra, nun acto no que estrearon tamén o videoclip da canción 'Fraguas de Amor', composta por Sergio Gramary, tamén no marco deste espectáculo, a partir de versos tradicionais recollidos polo intelectual.

Á presentación asistiron representantes da Universidade de Vigo, da Real Academia Galega, do Museo do Pobo Galego e da Fundación Otero Pedrayo.

O director da área de Cultura, Educación e Integración do campus, Manuel Morquecho, referiuse a este documental como unha "moi boa oportunidade para pór en valor non só as tradicións, senón tamén ás persoas que realmente aman a nosa terra",

En representación da Real Academia Galega, a escritora Fina Casalderrey, incidiu en que "non toda Galicia sabe o que fixo este etnógrafo, historiador, xeógrafo e mestre no gran sentido da palabra", pondo en valor aspectos como o seu labor de compilación de cantigas populares, unha tarefa na que tamén incidiu Adrián Estévez, da Fundación Otero Pedrayo, que, como gañador do Premio Trasalba, editou en 1985 o "Cancionero de Cotobade", de Fraguas.

Francisco Calo Lourido, patrón do Museo do Pobo Galego, compartiu recordos do que era o seu "gran amigo", unha persoa que, engadiu, "tiña as súas raíces ben cravadas na terra, en Santiago de Loureiro de Cotobade", mentres que Quique Queiman destacou os vínculos de Fraguas con Pontevedra, "onde tivo os dous grandes mestres que o formaron como un soldado para a causa galeguista", Losada Diéguez e Castelao.

Miguel Fraguas, director do grupo de gaitas da asociación cultural Foula desta localidade e familiar do homenaxeado incidiu no "fantástico legado" deixado por un intelectual "que fixo bandeira do saber do seu pobo", mentres que Xosé Braulio Mondragón, da asociación cultural Domingo Fontán de Portas, lembrou o papel xogado por Fraguas cando en 1978 trasladáronse os restos de Fontán ao Panteón de Galegos Ilustres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta