As ideas e as persoas

Hai uns días, Xosé Luis Armesto obtivo o volume de apoios suficientes para acceder á Reitoría da Universidade da Coruña.Hai uns meses, Salustiano Mato acadaba tamén a vitoria nas eleccións ao Reitorado da Universidade de Vigo e Lourenzo Fernández Prieto competía con Casares Long na segunda volta decisoria pola Reitoría da Universidade compostelán.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/01/2012

Comparte esta noticia
Existe unha característica común nos tres casos:as persoas citadas son acreditados militantes nacionalistas dende hai anos e posúen un contrastado prestixio académico.Certamente, as eleccións universitarias non operan coas mesmas lóxicas que se rexistran nos comicios xerais, autonómicos ou municipais.Calquera pretensión mimética ficaría no universo das especulacións interesadas carentes do mínimo rigor analítico. As comparacións, nestes casos, serían odiosas e ridículas. Porén, no seo das tres Universidades galegas sabíase que Xosé Luis, Salustiano e Lourenzo eran –e son- persoas comprometidas cunha visión do País inscrita nos vectores propios do nacionalismo político das últimas décadas.Coñecendo esa importante circunstancia, o corpo electoral universitario outorgou unha notábel confianza ás equipas encabezadas por estes profesores, entendendo que posuían unha adecuada síntese de vontade e capacidade para mudar as dinámicas universitarias e conectalas coas necesidades maioritarias da sociedade galega.
 
Observemos o significativo contraste que estamos vivindo .Mentres destacados afiliados nacionalistas son quen de promover candidaturas universitarias merecentes dun amplo crédito entre o corpo electoral dos campus galegos, o BNG percorre unha traxectoria descendente nos seus apoios electorais e non é capaz de construír un relato explicativo común das causas de semellante devalo.Unha parte importante da organización considera que a solución dos problemas que atravesa o nacionalismo pasa por regresar a unha retórica política e ideolóxica semellante á que se formulaba hai 35 anos.Para ese sector, o radicalismo verbal é un remedio mais determinante que as características das persoas que encabecen o proxecto político nacionalista. As eleccións realizadas nas Universidades galegas, salvadas todas as distancias que median entre o mundo académico e o territorio da política, demostran xustamente o contrario:as ideas son importantes pero as persoas resultan decisivas para dotar de credibilidade ás ofertas programáticas.Para ser convincentes, as propostas necesitan estar encarnadas nos nomes e apelidos adecuados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.