Máis motivos para erradicar o plástico: alimentos envasados conteñen un ‘cóctel’ químico tóxico para a nosa saúde

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición alertan da presenza de diversos axentes químicos contaminantes en comida envasada con plásticos que, combinados, son potencialmente perigosos para os consumidores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A loita contra o plástico non é trivial. A comunidade científica xa aportou numerosas evidencias do dano que causa ao medio ambiente, pero tamén á saúde humana. Agora temos un motivo máis para abandonar o uso masivo dos plásticos dun só uso: o envasado de alimentos con plástico “pode ser unha fonte potencial de contaminación, a través da migración de produtos químicos dos envases á comida”.

Plástico para alimentos.
Plástico para alimentos.

Esta é a advertencia dun estudo asinado por investigadores da área do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, e da Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición, no que se alerta de que o consumo de alimentos conservados en plástico “é unha importante ruta da exposición humana aos contaminantes do envasado”.

O traballo, titulado 'Estimates of dietary exposure of Spanish population to packaging contaminants from cereal based foods contained in plastic materials', publícase na revista científica Food and Chemical Toxicology e está asinado por Verónica García Ibarra, Raquel Sendón, Juana Bustos, Perfecto Paseiro Losada e Ana Rodríguez Bernaldo de Quirós.

Os científicos analizaron a exposición humana a diferentes produtos químicos transferidos desde o empaquetado de alimentos con plásticos. Como primeiro paso, realizouse un exame para identificar posibles contaminantes nos materiais utilizados no envasado. En segundo lugar, seleccionáronse diferentes substancias químicas previamente identificadas nos materiais de empaquetado para a avaliación da exposición humana aos contaminantes do plástico que se utiliza para a comercialización de alimentos a base de cereais.

“Os resultados deste estudo confirman que os consumidores españois están expostos a produtos químicos relacionados co envasado a través do consumo de alimentos”, afirman os investigadores.

Aínda que os científicos atoparon que os niveis de contaminantes atopados nos alimentos son “baixos” para cada unha das substancias atopadas, consideran “importante ter en conta que a migración de compostos químicos dos materiais de empaquetado de alimentos é unha fonte de exposición e pode contribuír a un risco para a saúde e seguridade públicas”.

De feito, avisan, existe unha “exposición simultánea a diferentes substancias”, unha “ampla variedade de produtos químicos” que permite falar dun “efecto cóctel”. Que quere dicir isto? Que “a combinación de varios produtos químicos pode producir reaccións adversas nos seres humanos, mesmo a niveis baixos de cada substancia”.

O “efecto cóctel” refírese á acción combinada de distintos compoñentes, de xeito que o consumidor pode estar exposto non só a unha, senón a dúas ou máis substancias químicas, procedentes da alimentación. Esta mestura química e o seu "efecto cóctel” xa foi definida pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA).

Polo tanto, aínda que os niveis de contaminantes atopados nos alimentos sexan baixos, a evidencia científica demostra que as distintas substancias que se concentran interactúan unhas con outras, puidendo causar máis danos xuntas que por separado, realizando un ataque combinado á nosa saúde.

Os autores deste estudo recordan que "algúns produtos químicos presentes nos alimentos poden supoñer un risco para a saúde dos consumidores". De feito, proseguen, "as persoas están expostas a contaminantes a través de varias fontes e recoñécese que o envasado de alimentos pode ser unha fonte potencial de contaminación, a través da migración de substancias do envasado aos alimentos". Algo que "é especialmente relevante cando se considera que a maioría dos alimentos se venden envasados ​​para evitar a deterioración dos alimentos e prolongar a súa vida útil".

Os riscos deste uso masivo de plástico no envasado de alimentos son reais. "Actualmente sábese ou sospéitase que os niveis inseguros de substancias químicas nos alimentos son responsables de graves problemas de saúde dos consumidores, incluídos o cancro, os trastornos reprodutivos e a supresión do sistema inmunitario", resaltan os científicos. 

COMPOSTOS IDENTIFICADOS NOS ALIMENTOS

Os compostos identificados neste estudo inclúen ftalatos (DEP, DIBP e DEHP), ATBC e DEHA.

Os ftalatos son os plastificantes máis utilizados no mundo. Trátase dunha substancia química que se engade aos plásticos para dotalos de flexibilidade. A súa posible relación con desequilibrios do sistema endocrino levou ás autoridades estadounidenses e europeas a prohibir o seu uso en xoguetes e material deseñado para estar en contacto con menores de idade. Con todo, séguense utilizando para o envasado de comida ou en luvas usadas para manipular alimentos.

Algúns ftalatos asociáronse cunha variedade de efectos adversos que inclúen toxicidade hepática e renal, carcinoxenicidade, enfermidades metabólicas e danos ao sistema reprodutivo, entre outros

Segundo a Axencia para Substancias Tóxicas e o Rexistro de Enfermidades de Estados Unidos, o dietil ftalato (DEP) é unha “substancia que podería ser nociva para a saúde”. Trátase dun líquido sintético e incoloro cun lixeiro cheiro aromático e sabor amargo desagradable.

O Dei(2- etilhexil) ftalato (DEHP), segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, é un composto viscoso, de incoloro a lixeiramente coloreado, e practicamente inodoro, que se pode pódese absorber por inhalación e por inxestión. Os efectos de exposicións de curta duración provocan irritación dos ollos, a pel e o tracto respiratorio. Tamén pode causar efectos no tracto gastrointestinal. O contacto repetido ou prolongado coa pel pode producir dermatite. A súa principal afección é a súa elevada persistencia no medio ambiente e o seu potencial de  bioacumulación, ademais está considerada como posible alterador endocrino.

Segundo a Comisión Europea, o DEHP é o plastificante máis común utilizado en PVC (policloruro de vinilo). É unha substancia extremadamente preocupante, xa que se trata dun contaminante ambiental estendido, presente na cadea  trófica e na alimentación humana.

O Diisobutilftalato (DIBP) é un aditivo utilizado para manter os plásticos nun estado brando ou máis flexible que se utiliza a miúdo en combinación con outros ftalatos. É considerado tamén unha substancia extremadamente preocupante pola súa toxicidade para a reprodución humana.

O pasado mes de decembro, a Comisión Europea anunciou novas restricións sobre catro ftalatos para limitar o seu uso en artigos de consumo no mercado comunitario, debido ao risco para a saúde reprodutiva pola súa exposición. Esta decisión é o resultado das recomendacións científicas e técnicas da Axencia Europea de Produtos Químicos e terá efecto a partir de xuño de 2020 sobre os ftalatos de tipo DEHP, BBP, DBP e DIBP. As normas europeas xa limitan o uso dunha serie de  ftalatos en xoguetes e outros artigos de uso infantil e ampliarase para cubrir as catro variantes e cubrir todos os tipos de produtos para o consumo no mercado comunitario.

Á marxe dos ftalatos, os investigadores identificaron nos alimentos envasados analizados restos do plastificante dietilhexil adipato (DEHA). É un substituto dos ftalatos ao que as persoas poden estar expostas a través da súa migración de materiais en contacto con alimentos 

O acetil tributil citrato (ATBC) é outro plastificante que tamén se emprega comunmente como substituto dos ftalato e as persoas están expostas a este composto a través da inxestión de alimentos.

Estudos sinalan que estes compostos alternativos aos ftalatos poden causar tamén trastornos reprodutivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta