Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2019 | Actualizada ás 18:38
Casemedio milleiro de traballadores de Ence e as súas empresas auxiliares protagonizaron este venres un acto de protesta en Pontevedra para "chamar á reflexión" aos políticos.
Os traballadores formaron unha longa fila que percorreu as sedes do Concello, a Deputación e a Subdelegación do Goberno, administracións ás que culpan da inseguridade xurídica na que se atopa a concesión da fábrica de Ence para poder ocupar os terreos de Lourizán.
O presidente do comité de fábrica, Ignacio Acuña, explicou que con este "acto puramente simbólico" pretenderon "facer reflexionar aos políticos que toman decisións detrás dos muros destes edificios e que, moitas veces, pon en grave risco o traballo e o futuro de 5.000 persoas en Galicia"
Neste sentido, a presidenta do comité de oficinas centrais, Ana Cedeira, incidiu en que "isto afecta a 400 familias de forma directa que van todos os días a traballar e a máis de 5.000 en toda Galicia". "Non só somos números, somos traballadores; pais e nais de familia e co noso soldo non xoga ningún político", agrega.
No manifesto lido durante este acto de protesta tamén se insistiu en que "no peor escenario posible, está a falarse dunha traxedia para traballadores e para as súas familias, pero tamén para a cidade de Pontevedra e toda a súa comarca".
Os representantes dos comités de empresa lembraron que así llo comunicaron o pasado mércores en Pontevedra á ministra de Traballo, Magdalena Valerio. "Queremos reunirnos co presidente do Goberno, tocaremos os medios que faga falta, iremos onde faga falta ir", deixa claro.
Finalmente, referíronse a "uns políticos que din que representan" á cidadanía para dicirlles que: "Estes irresponsables son os que se teñen que marchar, non nós". Pola súa banda, membros do PSOE denunciaron que durante o transcurso desta protesta recibiron "insultos, ameazas e xestos intimidantes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.