PIF e o Porto de Vigo buscan unha solución ás "deficiencias" das instalacións para recibir fariñas de peixe

A subdelegación do Goberno en Pontevedra afirma que en 2019 existe unha alerta sanitaria sobre este produto, polo que é necesario a inspección completa e a toma de mostras de todo o envío antes de autorizar a súa venda á Unión Europea.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2019 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

Os responsables do Punto de Inspección Fronteirizo (PIF), da Autoridade Portuaria de Vigo e dos servizos de inspección de Sanidade Vexetal, Sanidade Animal e Sanidade Exterior reuníronse este venres para buscar alternativas ao control das fariñas de peixe que non se poden realizar nas actuais instalacións polas súas "deficiencias" para garantir a salubridade deste tipo de produtos.

Esta situación deriva dunha inspección inicial, realizada o pasado mes de setembro, das instalacións portuarias nas que se realizaba o control das importacións deste tipo de fariñas no porto de Vigo.

A raíz do incremento de partidas deste tipo de produtos, que pasaron en 2017 de dous ou tres ao ano, a un quince o ano pasado, comprobouse que as dependencias non garantían que se puidese facer un control "adecuado".

"Ademais, en 2019 existe unha alerta sanitaria sobre este produto, polo que é necesario a inspección completa e a toma de mostras de todo o envío antes de autorizar a súa venda á Unión Europea", explicou a subdelegación do Goberno en Pontevedra nun comunicado.

NOVA INSPECCIÓN

Así, o pasado mes de marzo, a secretaria xeral de Acordos Sanitarios e Control de Fronteiras do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación realizou unha nova inspección das instalacións e informou o xefe do PIF, o operador privado das instalacións, e ao xefe de división de operacións e servizos da Autoridade Portuaria de que non se poden seguir controlando as fariñas de peixe nas instalacións actuais do porto.

Ademais, este mes, o Ministerio avisou ao porto de Vigo de que non pode acoller as descargas de fariña e recomendou que sexan trasladadas ás instalacións máis próximas, como son as de Marín. Con data de 13 de maio, remitiuse un escrito polos servizos de sanidade animal á Autoridade Portuaria viguesa comunicándolle con detalle o informe e a necesidade dun plan de acción. Desta maneira, a partir do 1 de xuño non se permitirá a descarga de fariñas de peixe.

Tras a reunión deste venres, as partes están a estudar varias alternativas ata que se conclúan as obras de adecuación das instalacións.

Terminal de colectores do Porto de Vigo. APVIGO - Arquivo
Terminal de colectores do Porto de Vigo. APVIGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta