Bugallo volve á alcaldía de Santiago oito anos despois

Compostela Aberta afundese e o PP perde un. O BNG matén os dous escanos de hai catro anos. Bugallo destaca que este luns chamará a todos os grupos políticos para "traballar xuntos". Martiño Noriega asume a derrota e anunciará o seu futuro político nos vindeiros días, igual que Agustín Herández. Goretti Sanmartín destaca a situación "semidóce" que sente o BNG en Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/05/2019 | Actualizada ás 00:18

Comparte esta noticia

Xosé Sánchez Bugallo volve á alcaldía de Santiago. A mesma da que saíu hai oito anos. E o fai pola porta grande, con dez concelleiros, seis máis dos que os socialistas obtiveron hai catro anos. E cinco deses edís son os que lle quita a Compostela Aberta que é a forza máis prexudicada nestes comicios ao perder a metade dos seus concelleiros.

Sánchez Bugallo nun mitin
Sánchez Bugallo nun mitin | Fonte: FB S. Bugallo

A formación de Martiño Noriega, que foi a forza máis votada en 2015, pasou a ser a terceira e o seu futuro queda no aire tras esta debacle.

Tampouco é mellor a situación de Agustín Hernández, fichaxe estrela de Feijóo para a capital galega e que, novamente, volveu perde un concelleiro con respecto a hai catro anos. O BNG tampouco capitalizou, como aconteceu noutras cidades, a enorme baixada das mareas e mantén os dous que tiña nesta lexislatura municipal.

REACCIÓNS

O vencedor nas eleccións municipais en Santiago, o socialista Xosé A. Sánchez Bugallo, apelou a "devolver" á cidade compostelá ao seu lugar como "referencia nacional, europea e mundial", así como a exercer dunha capital "da que os galegos sentan orgullosos".

A euforia desatouse na sede de campaña dos socialistas composteláns, que ven como están en disposición de recuperar a alcaldía da capital de Galicia oito anos despois de perdela co mesmo protagonista, un Bugallo que, tras o seu retiro momentáneo, retornou á política local conseguindo que o PSOE recupere un dos seus históricos 'feudos' na Comunidade galega.

O ex acalde foi recibido con berros de "alcalde, alcalde" pola xente que abarrotaba a sede de campaña do PSOE santiagués. "Hoxe terminou a campaña e terminaron as eleccións. Mañá chamo a todos os grupos políticos, independentemente das posicións, a traballar xuntos polo ben de Santiago", manifestou Bugallo ao comezo da súa intervención.


Pola súa banda, o alcalde en funcións de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), felicitou ao vencedor. "Apostamos todo á épica como Robert Redford e Paul Newman e non fomos quen de conseguilo", indicou ao comezo da súa intervención Noriega, que avanzou que será a asemblea de CA quen decida sobre o seu futuro á fronte do proxecto. "Aquí tomamos as decisións de maneira colectiva. E a moita honra", apostilou.

Tras sinalar que acababa de chamar a Sánchez Bugallo para felicitalo pola súa vitoria e agradecer o traballo realizado nas últimas semanas polo equipo de campaña, Noriega apelou a "asumir o rol" que deparan os comicios e ser "leais" coas máis de 9.000 persoas que depositaron a papeleta de CA nas urnas a través de "un traballo combativo, que some e non reste".

Neste sentido, encadrou a campaña electoral nun "contexto e hábitat adverso" no que CA tentaba "seguir liderando o espazo do cambio". "Os resultados non acompañaron. É o PSOE quen está mandatado a liderar o espazo de gobernación da cidade", engadiu, para a continuación incidir en que a marea santiaguesa moverase no seu labor político na corporación "sempre en parámetros de esquerda, que entende que a cidade ten que ser unha cousa distinta".

O líder do PP santiagués, Agustín Hernández, evitou responder o seu futuro á fronte dos populares composteláns tras cultivar unha nova derrota nas urnas, que se suma á obtida nas eleccións do ano 2015. A formación que encabeza o exalcalde obtivo 15.262 votos que se traducen en oito edís, un menos que no último mandato.

Tras expresar a "frustración" por "non conseguir o resultado desexado", Agustín Hernández asegurou que a vitoria de Bugallo supón "unha volta ao pasado". "O que pasa hoxe é un cambio de persoa, non un cambio para a cidade", dixo. Cuestionado polos xornalistas sobre o seu futuro, o popular indicou que "xa haberá tempo para unha reflexión". "Non tomo decisións de forma visceral", apostilou.

Tamén a candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu esta noite electoral ante a prensa e sinalou a situación "semidóce" que sente o BNG en Santiago de Compostela xa que "recupera votos" pero "non cumpre os obxectivos" polo que "non é satisfactorio".


Tal como explicou Sanmartín, a organización nacionalista aumentou o seu apoio en 2,5 puntos porcentuais, o que supón un 35% máis de votos. Con todo, este incremento "substancial" de apoio é a cara "positiva" aínda que, tal como lamentou a candidata nacionalista, "non se traduciu o suficiente" a concelleiras, polo que o BNG necesitaría "un incremento de votos aínda maior".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

Mais construción e furados nas contas do concello, e máis pisos vacíos. A política resesa de sempre