Restos de antibióticos e outros fármacos contaminan as augas que beben as vacas galegas

Científicos da Universidade de Santiago seguen o rastro de restos de medicamentos nos bebedoiros de 118 granxas galegas. Os antibióticos son as substancias con maior presenza. Aínda que se atoparon en doses baixas, supoñen un potencial perigo para o gando, xa que "poden alterar a microbiota das vacas co desenvolvemento de resistencias bacterianas”.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 03/06/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A comunidade científica vén advertindo nos últimos anos do problema global da resistencia aos antimicrobianos e, máis especificamente, aos antibióticos, unha das maiores ameazas que enfronta a Humanidade, canda os efectos do quecemento global e o cambio climático.

Vacas bebendo
Vacas bebendo | Fonte: Europa Press

Os antibióticos son medicamentos utilizados para previr e tratar as infeccións bacterianas en humanos e outras especies animais. A resistencia aos antibióticos prodúcese cando as bacterias mutan en resposta ao uso destes fármacos. Son as bacterias, e non os seres humanos nin os animais, as que se volven resistentes aos antibióticos. Estas bacterias farmacorresistentes poden causar infeccións no ser humano e nos animais, e esas infeccións son máis difíciles de tratar que as non resistentes.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa advertiu da “necesidade de que se cambie urxentemente a forma de prescribir e utilizar os antibióticos”, tanto na medicina humana como na veterinaria. “Aínda que se desenvolvan novos medicamentos, se non se modifican os comportamentos actuais, a resistencia aos antibióticos seguirá representando unha grave ameaza”, avisa a OMS, que alerta de que “a resistencia aos antibióticos está a aumentar en todo o mundo a niveis perigosos”.

“Día tras día están a aparecer e propagándose en todo o planeta novos mecanismos de resistencia que poñen en perigo a nosa capacidade para tratar as enfermidades infecciosas comúns. Un crecente número de infeccións, como a pneumonía, a tuberculose, a septicemia, a gonorrea ou as enfermidades de transmisión alimentaria son cada vez máis difíciles –e ás veces imposibles– de tratar, a medida que os antibióticos van perdendo eficacia”, detalla o organismo da ONU.

A OMS tamén destaca que “alí onde os antibióticos se poden adquirir sen receita médica para uso humano ou veterinario, a aparición e propagación da farmacorresistencia empeora”.

Ante este preocupante escenario, a OMS advirte de que “se non se toman medidas urxentes, o mundo está abocado a unha era post-antibióticos na que moitas infeccións comúns e lesións menores volverán ser potencialmente mortais”.

FÁRMACOS NOS BEBEDOIROS DAS GRANXAS GALEGAS

Atendendo a alerta mundial, científicos do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela seguiron o rastro dos fármacos no gando de Galicia e nas fontes de auga das que se serve, prestando especial atención aos antimicrobianos, que foron os compostos con maior impacto nos bebedoiros das vacas galegas.

O obxectivo deste traballo foi investigar a posible inxesta de 19 produtos farmacéuticos provenientes da auga de bebedoiros nas granxas leiteiras da provincia de Lugo, con 122 mostras obtidas de 118 granxas (a orixe da auga analizada proveu de pozos ou fontes municipais).

O estudo revelou a presenza de 16 tipos distintos de fármacos no 41% das mostras analizadas. Cando menos, un medicamento foi detectado en 50 mostras de auga. Neste sentido, os científicos lembran que “proporcionar auga de calidade é esencial para o bo funcionamento dunha granxa leiteira, xa que a auga se utiliza para limpar as instalacións e, o que é máis importante, para o consumo dos animais”.

Os compostos antimicrobianos foron os que se detectaron con maior frecuencia, en particular o trimetoprim, que presentou a maior frecuencia de detección na auga. Por outro lado, o antibiótico sulfametazina foi o produto farmacéutico consumido en maior cantidade polas vacas galegas. O trimetoprim é un antibiótico que acostuma administrarse con sulfonamidas polo seu efecto sinérxico, producindo unha actividade antibacteriana máxima.

En España, segundo o estudo, “para a medicina humana, a dose diaria definida para mil habitantes das sulfonamidas e a trimetoprima é de 0,24”. “Con todo, a frecuencia de detección neste proxecto de investigación foi maior para as sulfonamidas; este grupo foi o que se detectou con maior frecuencia, sendo o 27% das mostras a sulfadiazina”.

Na investigación tamén se detectaron dous ou máis medicamentos no 15% das mostras de auga, chegando a atopar mesturas de cinco medicamentos en tres mostras. Estimouse, ademais, que as vacas leiteiras poderían consumir unha media de 30 microgramos de antimicrobianos.

Na opinión dos autores deste estudo, “esta concentración é demasiado baixa para ter un efecto directo no leite producido ou na cadea alimentaria; con todo, podería ter un efecto na microbiota das vacas ou influír no desenvolvemento e diseminación de bacterias resistentes” (a microbiota é o conxunto de microorganismos que se atopan xeralmente asociados a tecidos sans do corpo humano).

Os resultados das análises tamén indican que “as concentracións e as frecuencias de detección dos fármacos foron menores durante os meses con maior choiva, o cal pode indicar un efecto dilución”, aportan os autores do estudo.

Por outro lado, os resultados microbiolóxicos indican que a auga analizada “non era ideal para o consumo humano”. Das 53 mostras analizadas, o 66% foron positivas para coliformes totais (os coliformes, xeralmente, considéranse un marcador de contaminación fecal e están involucrados en enfermidades graves en vacas leiteiras).

“Por tanto, a presenza combinada de  coliformes e residuos antimicrobianos na auga podería ser un risco adicional para as vacas, debido á diseminación de axentes infecciosos con maior resistencia antimicrobiana”, detállase no estudo.

RESISTENCIA AOS ANTIBIÓTICOS

Aínda que se descoñecen os efectos específicos das doses baixas de antimicrobianos cando son consumidos por vacas leiteiras, a ciencia “demostrou unha relación causal entre o aumento do uso de antimicrobianos e a maior prevalencia de bacterias resistentes aos antimicrobianos”, destacan os autores da investigación.

“Poderíase supoñer que o consumo continuo de antimicrobianos, mesmo a niveis moi baixos, pode alterar a microbiota das vacas co desenvolvemento de resistencias bacterianas”, conclúen os científicos.

Os resultados do estudo, titulado 'Consumption of pharmaceuticals by dairy cows via watering throught: Uncontroled intake', publícanse na revista científica Agriculture, Ecosystems & Environment e está asinado por María Veiga Gómez, Carolina Nebot, José Manuel Miranda, Beatriz VázquezSonia Verdes, Luis Quintela, Alberto Cepeda e Carlos Manuel Franco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 julius

o que din e bastate confuso, a escretas do gando van parar o rio onde o beben os humans, pero a confederación hidrográfica non contempla coma contaminantes restos de sustancias medicamentosas de orixe veterinario... como xa pasou no rio limia...