Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2019 | Actualizada ás 18:56
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, apelou a "organizar frontes de resistencia democrática" durante a próxima lexislatura en Bruxelas ante "o avance da extrema dereita" en Europa. Miranda pronunciou estas palabras durante a súa intervención nas actividades organizadas en Buenos Aires pola Coordinadora Estatal da Querela Arxentina contra o franquismo (Ceaqua).
Segundo recolle un comunicado emitido este luns polo Bloque, Miranda expresou o seu compromiso de "seguir sendo a voz antifacista na Eurocámara" e manter aberta a causa contra o franquismo no ámbito internacional. "O fin da impunidade dos responsables dos crimes cometidos nas ditaduras é unha conta pendente das democracias coas vítimas e non deixaremos de traballar para conseguilo", incidiu.
As xornadas da Ceaqua na capital arxentina prodúcense en coincidencia coas citacións efectuadas por María Romilda Servini, xuíza da coñecida como 'Querela Arxentina', a varias vítimas do franquismo, que prestarán declaración esta semana en Buenos Aires. O proceso que dirixe Servini, que se orixinou coa denuncia do caso de Darío Rivas, fillo dun alcalde socialista fusilado en 1936; constitúe o único procedemento xudicial do mundo que investiga os crimes do franquismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.