Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/06/2019 | Actualizada ás 19:59
Recordos, anécdotas e o relato das mellores vivencias ocorridas nas sete primeiras lexislaturas da Cámara compoñen o 'Anecdotario do Parlamento de Galicia', un proxecto formado por unha serie de sete capítulos --'A recámara-- que emitirá a TVG e un libro realizado polo xornalista Jesús Fontenla.
O Pazo do Hórreo acolleu este luns a presentación desta iniciativa posta en marcha polo Parlamento de Galicia, a Asociación de Exparlamentarios/as e a CRTVG, nun acto no que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Cámara, Miguel Santalices; o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Iquierdo; así como o autor do libro e director da serie, Jesús Fontenla, entre outros.
No acto, o presidente da Xunta, puxo en valor a "extraordinaria madurez" da Cámara galega que, segundo indicou, nos momentos de "incerteza" non deixou "de ser nunca o corazón e a alma política do país".
"Fontenla revélanos que, mesmo en momentos de tensión e incerteza, non deixaron de brotar anécdotas nas que queda patente a convivencia entre adversarios", destacou Feijóo, que considera que "a historia" do parlamentarismo galego "estaría incompleta sen elas".
Neste punto, sinalou que, "xunto cos albores que o estatuto encomenda" ao poder lexislativo, este mostrou tamén "unha asombrosa capacidade para tecer lazos entre persoas que parecían condenadas a vivir distanciadas". "Non esquezamos que este e todos os parlamentos nacen para representar a ideas e persoas que coexisten nun país", indicou.
Ao longo da súa intervención, así mesmo, apuntou que o rico anecdotario recompilado polo autor do libro e director da serie fala de parlamentarios que ostentan a representación dunha "Galicia unida" e que, por tanto, "son capaces de protagonizar xuntos pequenas historias que merecen ser recuperadas do esquecemento".
"O libro humaniza o parlamentarismo galego", expresou antes de considerar que o xornalista retrata unha cara pouco coñecida do parlamentarismo que é necesario rescatar para que o cidadán entenda que nas Cámaras traballan humanos que se relacionan entre si.
"NECESARIO E ORIXINAL"
Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, afirmou que o libro presentado este luns é "necesario e orixinal" por tratarse do primeiro traballo monográfico sobre as anécdotas da Cámara galega.
Ademais, tras agradecer a todas as persoas implicadas no proxecto, puxo valor que 'A recámara' é unha serie que "urxía facer" para poder contar cos recordos e testemuños, en primeira persoa, dos protagonistas da historia parlamentaria galega.
"Esta dobre aposta --serie e libro-- é a mellor forma de abordar e achegar á xente a historia da Cámara desde unha óptica desenfadada, pero sen perder un chisco de rigor", defendeu.
"Oxalá neste Parlamento dedicásemos máis tempo a anécdotas enxeñosas e menos ou ningún tempo a comportamentos que desembocan en chamadas á orde", manifestou.
"INTRAHISTORIA"
'Anecdotario do Parlamento de Galicia' é como o seu propio autor indica na introdución, un "achegamento á intrahistoria" da Cámara, "aos seus bastidores, ás razóns que se escondían detrás dos acontecementos".
Precisamente, para a elaboración deste proxecto recóllese un amplo material documental, de orixe privada --achegado polos propios ex-deputadoss-- e público, aínda que a principal fonte de información deriva das 90 entrevistas feitas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.