Feijóo teima en afear ao PSOE que "non respecte" as listas gañadoras en Galicia, pero acepta que o PP o faga en Madrid

Insiste en denunciar o "Pacto do Tinell" dos socialistas galegos, que manteñen unha formulación "máis anticuada que nunca", di.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2019 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afeou ao PSdeG a súa postura de "non respectar en ningún caso" os resultados das eleccións municipais do 26 de maio e de pretender gobernar nos concellos "cando gaña e cando perde". Así se pronunciou o tamén presidente da Xunta durante unha visita realizada ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) este martes, un día despois de que o PPdeG pedise por carta aos socialistas galegos que deixasen gobernar á lista máis votada nos municipios.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Miguel Núñez

"Espero esa contestación por escrito, porque é unha proposta solemne do Partido Popular que estamos dispostos a cumprir de forma inmediata para que se deixen as tómbolas e as poxas de candidaturas para alcaldías e deputacións", engadiu.

Neste sentido, lembrou o caso do Concello de Ferrol e na Deputación de Ourense, onde aos populares só lles faltou unha acta máis para alcanzar a maioría absoluta, e apelou a deixar gobernar aos que "gañaron de forma notoria" os comicios. "Se non respectan os resultados electorais, entón pido desculpas ao electorado de Galicia, porque o que se ve é que ao Partido Socialista non lle importan os resultados", insistiu.

E é que esta formulación de pactos do PSdeG é "máis vello, máis anticuado que nunca e máis irrespetuoso", segundo palabras de Feijóo, quen ademais asegurou que o PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra "respectaba" os comicios. "A este Partido Socialista válelle todo, gañar e perder. Para o meu non é o mesmo gañar que perder", recalcou o líder do PPdeG.

"UN PACTO DO TINELL Á GALEGA"

Preguntado sobre como vai actuar o PP neste contexto, limitouse a facer fincapé en que o Partido Socialista "está disposto a gobernar en todas as institucións onde perdeu" o pasado 26 de maio.

"Temos un novo Partido Socialista que impide ao partido que gaña constituír as corporacións e, con todo, esíxelle ao partido que gañou que se vaia á oposición. Esta formulación, este 'revival' do Pacto do Tinell á galega é algo que lamento como presidente da Xunta e do partido", proseguiu, para despois lamentar que con este PSOE "non se vai a poder falar de nada".

NINGUNHA CRÍTICA AOS PACTOS DO PP CON CIUDADANOS E VOX

A petición de Feijóo contrasta coa postura adoptada polo Partido Popular noutros puntos do Estado, onde os conservadores están dispostos a gobernar en coalición con Ciudadanos e o partido ultradereitista Vox.

Os casos máis salientables son o de Andalucía, onde o PP evitou que gobernase a lista máis votada nas eleccións autonómicas, a socialista, ao aliarse con Ciudadanos e o partido de extrema dereita Vox; a Comunidad de Madrid, onde agora pretende facer o mesmo cos mesmos socios, e a capital de España, onde o PP repetiría os pactos para evitar, neste caso, o goberno de Más Madrid.

Porén, Feijóo non esgrimiu para estes casos o mesmo discurso que aplica para Galicia e coa súa falta de crítica a estes pactos, acepta e aproba as directrices da direccción estatal do seu partido para evitar que naqueles territorios non gobernen as listas máis votadas, tendendo a man á extrema dereita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta