Cando vai ser o Pazo de Meirás patrimonio do pobo galego?

Unanimidade, novamente, no Parlamento para volver reclamar ao Estado que recupere a que foi residencia de verán da familia Franco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Todos os grupos do Parlamento aprobaron este mércores por unanimidade instar á Xunta a que volva reclamar ao Goberno do Estado que inicie "de maneira urxente" as accións legais "pertinentes" para a recuperación do Pazo de Meirás.

A iniciativa defendida por Luís Bará iniciábase lembrando o acordo adoptado tamén por unanimidade en xullo do ano pasado esixindo ao Estado medidas para iniciar a recuperación de Meirás para o patrimonio público, unha reclamación da que afearon a "falta de resposta" do Executivo nacional.

No texto aprobado, todos os partidos con representación no Pazo do Hórreo piden á Xunta que reitere, ante o Goberno central, a esixencia de que inicie "de maneira urxente as accións legais pertinentes para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público", á vez que mostran o "rexeitamento" por "o uso deste BIC para facer apoloxía da ditadura franquista e do ditador".

Finalmente, a iniciativa demanda que leven a cabo as accións necesarias para "deixar sen efecto" os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e do Ducado de Franco, vinculados ao Pazo.

UN "ESPOLIO LEGALIZADO"

Durante a súa intervención, o deputado nacionalista Luís Bará lembrou que "se vai a cumprir un ano" do acordo parlamentario, así como dos informes elaborados pola Xunta e a Deputación da Coruña que avalan a reversión deste "espolio legalizado durante a transición coa complicidade das instancias máis altas do Estado".

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

A deputada socialista Concepción Burgo interveu para defender os pasos dados polo Goberno socialista, que "demostrou o seu compromiso nesta materia". Nesta liña, dixo, encargouse un informe á asesoría xurídica para ter "absoluta seguridade xurídica de poder recuperar o pazo" antes de presentar a demanda.

Pola súa banda, o Grupo Popular tamén presentou unha emenda na que, entre outras cuestións, suprimíase o mandato para anular os títulos nobiliarios, algo que Bará a rexeitado retirar da iniciativa. No entanto, a deputada popular María Antón apelou ao "espírito construtivo" alcanzado hai un ano para garantir que o PP non avogaba por "desfacer o camiño andado", polo que votaron tamén a favor da iniciativa.

Finalmente, o grupo de En Marea, en voz de Ánxeles Cuña, cualificou de "importantísimas" as iniciativas de "loita contra a impunidade" e apostou pola unión dos "demócratas" nesta cuestión. Aínda que admitiu que a recuperación de Meirás "urxe", Cuña admitiu que "é moi importante que se faga coas mellores garantías" de éxito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta