BNG e PSOE asinan un pacto de goberno "nacionalista e progresista" en Pontevedra e de oposición a Ence

Lores, que seguirá como rexedor, cre que se trata dun "bo acordo" e Fernández, novo tenente de alcalde, ve unha "folla de ruta equilibrada e compensada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O BNG e o PSOE acordaron un goberno en coalición no Concello de Pontevedra para o que este xoves asinaron un pacto de goberno "nacionalista e progresista". O acordo programático foi rubricado ante os medios de comunicación este xoves 13 de xuño por parte do alcalde en funcións e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, en representación do BNG, e o aspirante socialista Tino Fernández, polo PSOE

BNG e PSOE asinan o pacto para un goberno de coalición en Pontevedra
BNG e PSOE asinan o pacto para un goberno de coalición en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra.

No acordo figura que esta coalición "se rexerá polos principios de lealdade e respecto mutuo" e que conformarán un "goberno único sen prexuízo da autonomía nas áreas de xestión" nunha "actuación coordinada".

Ambas as formacións comprométense a manter o "diálogo e a interlocución constante" e á "resolución polas vías establecidas das posibles discrepancias que poidan xurdir", explicaron, para o que se creará unha comisión paritaria.

"BO ACORDO"

Fernández Lores, que será investido de novo alcalde este sábado cos votos a favor dos edís nacionalistas e socialistas, sinalou estar "satisfeito" de chegar a un "bo acordo", que recolle "o mellor" dos programas electorais dos dous partidos.

Tino Fernández, que será o tenente de alcalde durante o próximo mandato, destacou que este acordo marca unha "folla de ruta clara, equilibrada e compensada" para "profundar" nun proxecto de cidade no que ambos os partidos "cren profundamente".

PRINCIPIOS PROGRAMÁTICOS

No documento asinado este xoves recóllese que o goberno de coalición se rexerá na súa actuación polos principios de "cohesión social, respecto pola nosa identidade, equilibrio territorial, equidade, políticas redistributivas en beneficio das persoas con maiores dificultades e limitacións, fomento da igualdade real, posta en valor dos nosos recursos naturais e culturais, respecto pola diversidade".

Entre os obxectivos a alcanzar durante este mandato márcase o impulso a unha "política de colaboración" coas demais administracións, tanto as xerais como as sectoriais. E perséguese un avance nas infraestruturas da Administración central, en especial a autovía A-57, a remodelación do Nó de Bombeiros e o paseo ata Marín.

En canto ás infraestruturas e dotacións dependentes da Xunta cítase, en especial, a variante de Alba, a Residencia da Terceira Idade, a estrada de Vilagarcía, o saneamento integral da ría, o dragado do río e da ría, e o Hospital de Montecelo.

Ademais, inclúese neste acordo a demanda dun uso público para o edificio de Facenda e para o Hospital Provincial, e "manter unha política de oposición frontal á permanencia de Ence" na marisma de Lourizán e "impulsar todas as medidas para conseguir o seu traslado", abundan.

Tamén se comprometen a potenciar os servizos sociais, a aplicar medidas para a creación de emprego e a aprobar un novo contrato de lixos que incluirá a "universalización da recollida separada dos residuos urbanos", segundo se recolle no acordo, cun sistema de tratamento "baseado na compostaxe nos seus diversos tipos: individual, comunitario e planta".

Elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal, implantar carrís bici en vías que o permitan, reorganizar o transporte urbano en coordinación coa Xunta e implantando o transporte a demanda, representan outros dos principios que figuran no documento rubricado.

Finalmente, crearanse novas infraestruturas deportivas e aumentaranse as axudas aos clubs, haberá máis eventos deportivos de gran nivel e reforzarase a programación cultural, entre outros compromisos recolleitos neste acordo programático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta