Por Armando Requeixo | Ames | 15/02/2012 | Actualizada ás 12:12
FICHA TÉCNICA DO LIBRO
Que Lovecraft é un clásico entre os clásicos da literatura de principios do pasado século é algo que semella fóra de toda discusión. Poucos coma el foron capaces de crear toda unha cosmogonía xenuína na que a Humanidade figuraba inmensar na difícil convivencia con outras razas do Universo que, en non poucas ocasións, tiñan mesmo presenza no noso planeta.
A mitoloxía do narrador de Providence creou escola e hoxe en día é un autor de culto, sen a influencia do cal non pode entenderse a escrita de terror e ciencia ficción da última centuria. Xustamente por iso, que o selo especializado Urco Editora decidise botar a andar unha Biblioteca Completa dedicada á tradución do conxunto da súa obra paréceme unha nova sobranceira que moito merece destacarse.
Recentemente chegou ás librerías a terceira entrega da colección, Nas montañas da loucura, tradución do orixinal inglés publicado en 1936 que agora cobra nova vida no idioma de noso grazas á meritoria translación de Tomás González Ahola, recoñecido profesional grazas ao labor do cal é posible ler hoxe en galego moitos outros grandes autores de diversas linguas.
At the Mountains of Madness publicarase por vez primeira na célebre revista estadounidense Austoundig Stories, onde aparecera en tres entregas. O certo é que Lovecraft a escribira anos atrás (concretamente en 1931), aínda que non sería ata poucos meses antes do seu pasamento que vira a luz, constituíndo deste xeito unha sorte de testamento literario sui generis.
O atormentado individuo que Lovecraft foi acrisolou neste título moitas das súas teimas, recorrentes na vasta bibliografía que nos legou. Porque se algo hai de seguro é que este xenio precoz (con dous anos recitaba poesía, con quince escribiu a súa primeira obra e con dezaseis era columnista no Providence Tribune) conseguiu aquí tecer unha modélica meada de fíos autorreferenciais e metaliterarios de extraordinaria vizosidade. Dunha parte, Nas montañas da loucura é unha inequívoca homenaxe ao seu admirado Edgar Allan Poe, pois preséntase como unha sorte de continuación da única novela daquel, A narrativa de Arthur Gordon Pym, e, doutra banda, nesta novela conflúen tamén grande número de referencias a algúns dos sinais definitorios da súa propia escrita: a civilización dos Antigos ou Primordiais (uns seres extraterrestres chegados ao noso planeta no Neoproterozoico que moran nunha escondeita cidade nos territorios antárticos), os mitos de Cthulhu, a existencia do mítico Necronomicon e outros seres e realidades que alimentan a extraordinariamente feraz escrita de terror cósmico materialista na que Lovecraft foi un mestre indiscutible.
En esencia ―e sen spoleirizar innecesariamente o libro―, Nas montañas da loucura narra a aventura dun grupo de científicos na Antártida, a onde viaxan para realizar diferentes estudos e experimentos. Unha vez alí, descobren enterrados uns estraños fósiles duns seres que non saben se clasificar como animais ou vexetais. O que segue é terror puro, horror literario de primeirísimo nivel. E máis non digo.
Quen se atreva con Nas montañas da loucura descubrirá a fascinación de Lovecraft polo coñecemento do prohibido, pola recreación civilizacional extraterrestre, polo inevitable do Destino e as rémoras das culpas atávicas, mesmo por certo primitivismo transcendente que paira sobre os seres e que nas súas páxinas se resolve sempre nun abraio témero ante o ignoto.
Inmellorable ocasión a que nos ofrece esta tradución para reler un escritor inimitable. Poder facelo da man do valioso oficio de Tomás González Ahola e nunha moi accesible edición de Urco Editora son razóns non menores para non deixar escapar este tren.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.