O responsable das probas de Filosofía para selectividade presentará a súa dimisión

O profesor Alberto Sucasas trasladou a súa "sorpresa maiúscula" cando tivo constancia dos problemas rexistrados durante o exame.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2019 | Actualizada ás 20:51

Comparte esta noticia



O director do grupo de traballo de Filosofía e responsable das probas desta materia na selectividade galega pediu "perdón" polo erro que obrigou a aprazar e repetir o exame este venres e avanzou que presentará a súa dimisión ante a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

O profesor Alberto Sucasas trasladou a súa "sorpresa maiúscula" cando tivo constancia dos problemas rexistrados durante o exame, e asegurou que en "cinco ou seis anos" que leva á fronte deste grupo realizou "unha revisión polo miúdo, reiterada e minuciosa" dos cuestionarios antes de entregalos.

"Pareceume incrible que isto ocorrese. O primeiro sorprendido e asustado son eu", sinalou. A pesar diso, insistiu en que a súa "preocupación fundamental" é "o dano feito aos alumnos, familias e ao prestixio" da súa disciplina, e quixo trasladar unha petición sincera "de perdón". "O erro cometido foi involuntario e desde logo non era a miña intención provocar esa perturbación".

Por este motivo, o profesor da Universidade da Coruña e escritor avanzou que presentará a súa dimisión das súas responsabilidades á fronte do grupo, unha intención que xa transmitiu "oralmente". A proba, inicialmente prevista para as 11.00 horas, foi anulada tras comprobar que os contidos do exame non se correspondían coas bases que a Comisión Interuniversitaria de Galicia elaborara e remitira previamente aos centros educativos para preparar as probas.

Nin o exame principal nin o de reserva axustábanse aos criterios elaborados polo grupo de traballo da materia, e foi necesario elaborar un novo cuestionario para repetir a proba durante a tarde, podendo celebrarse finalmente ás 16.00 horas.

Alumnos Practicando Un Exame De Selectividade. EUROPA PRESS - Arquivo
Alumnos Practicando Un Exame De Selectividade. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

unha revisión polo miúdo, reiterada e minuciosa...? pois se non chega a facela como sería?