Case 700 gandeiros galegos cobran menos de 29 céntimos polo litro de leite producido

A Xunta porá a disposición das explotacións unha ferramenta informática para calcular custos de produción, que testan 400 granxas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2019 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

Un total de 694 gandeiros galegos cobran menos de 29 céntimos polo litro de leite, son o 9% dos que fan entregas, mentres 4.858 produtores perciben entre o 31 e 33 céntimos, o 65% do total. Diso informou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en comisión parlamentaria a pregunta de Antón Sánchez (En Marea) polo feito de que Galicia conte cos prezos do leite "máis baixos" de España e Europa.

En resposta, Balseiros identificou varios "problemas" para explicar esa situación. Entre eles, o desenvolvemento "insuficiente" do cooperativismo galego en comparación con outras autonomías como Asturias. Ademais, lamenta que existen dúas organizacións de produtores lácteos que "non están a funcionar de forma adecuada", o que provoca unha "diminución da capacidade negociadora de produtores coa industria". A isto únese unha "gran dispersión xeográfica" e o "tamaño medio" en Galicia, que encarece o transporte. Tamén indica que hai un exceso de oferta na Comunidade que "fai que tire os prezos á baixa", á vez que se produce moito leite líquido "sen valor engadido".

"MOITAS CIRCUNSTANCIAS" PARA A DESAPARICIÓN DE GRANXAS

Sobre a desaparición de granxas lácteas, Balseiros sinala que Galicia produce o 40% do leite de España, pero ten o 56% das explotacións. Defende que os peches se deben a "moitas circunstancias" como xubilacións, fusións e cambios de leite a carne. Xunto a isto, remarca que "cada ano se produce máis leite que os anos anteriores", nun aumento de máis do 5% en 2018 respecto de 2017, segundo destacou. Asegura que "non é a comunidade que máis peches de explotacións está a ter", pois sostén que Galicia ocupa o quinto lugar, con "datos que están a mellorar en relación con 2016 e 2017", á vez que confía en que o ano que vén sexa mellor.

En cambio, Antón Sánchez cuestionou "que fixeron para que se transformase aquí" despois de "30 anos de gobernos populares". Censura que a Xunta non aposte por políticas públicas para apoiar ás pequenas e medianas explotacións coas que crear emprego e fixar poboación no rural.

A comunidade científica, desconcertada polas crecentes emisións de metano. FLICKR/UNITED SOYBEAN BOARD / Europa Press
A comunidade científica, desconcertada polas crecentes emisións de metano. FLICKR/UNITED SOYBEAN BOARD / Europa Press

Á ESPERA DO PLAN LÁCTEO

Sánchez botoulle en cara ao alto cargo da Xunta que "non parece serio" que catro anos despois de anunciar en 2015 un plan para o lácteo segue "nun caixón" e sen "facer nada".
Respecto diso, Balseiros defendeu que "un plan para o sector lácteo non se fai en catro días ou catro meses". Remarca que hai un grupo estratéxico que traballa nel con expertos, universidades, sindicatos e cadea de valor, entre eles.

Ademais, avanza que haberá unha ferramenta informática a disposición das explotacións para calcular custos de produción, que se vai a testar en 400 granxas antes de estar a disposición de "todas e cada unha" das explotacións galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta