"+G debe crear un partido dentro do BNG"

Camilo Nogueira insiste en que Máis Galiza debe facer valer a metade de apoios que conseguiu na asemblea para "preparar ao BNG para gobernar Galiza". Entrevista de GC co histórico líder nacionalista.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/02/2012 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Vostede foi sindicalista, liderou Unidade Galega, foi deputado e europarlamentario...Con esta longa traxectoria no nacionalismo, como está a ver o que acontece no BNG?

None

O que sucede agora no BNG é o último resultado dunha crise comezada en 2001 cando ainda mantiña a condición de primeira forza da oposición e unha situación particularmente boa  en alcaldias, as Cortes e no Parlamento Europeu. Nese momento en lugar de facer un alto no camiño e reflexionar sobre o estado da sociedade galega, do Estado español, da Unión Europea e do mundo co obxectvio de potenciar ao nacionalismo galego como alternativa de Governo,  provocóuse unha crise interna que derivou no declinio que coñecemos. 

 

É ben sabido que unha parte do BNG apoiou unha candidatura alternativa á Presidencia do Governo Galego que,  encabezada por  min, se enfrentou a unha maioría que non quixo compreender o que pasaba ou non lle preocupaba o que podía pasar. 

 

E por que formou parte da alternativa de Máis Galiza e EI na pasada asemblea?

Porque foi a forma de manifestar que dentro do BNG existe  outra forma compreender e traballar polo pleno autogoberno nacional desde os valores da esquerda e outro xeito de ver a Galiza como nación no mundo. Sabendo que hoxe a sociedade galega está máis concienciada sobre a cuestión nacional, que a pesar da marxinación na política e na estratexia económica do Estado dispón dunha capacidade económica capaz de sustentar o autogoverno, que ten  unha língua nacional falada pola maioría que goza n ademais un carácter intercontinental; se así o decide, Galiza pode ser recoñecida como unha nación na UE, na Europa sen fronteiras. 

 

Cre que cambiou algo desde ese cónclave?

Creo que sí. A candidatura alternativa conseguía praticamente a metade dos apoios nunha Asemblea Nacional que contou con mais participación que nunca.

 

Con todo a APU foi a vencedora, cre que é posible a convivencia interna?

Coido que alternativa por un novo proxecto común que tivo tan grande apoio debe organizarse internamente e na sociedade de acordo co defendido na Asemblea e  sen ningúnha limitación, contribuindo a preparar ao BNG para gobernar en Galiza pola liberdade, a xustiza e a igualdade. 

 

A saída de EI

 

E que opina da saída de EI do BNG?

Non me corresponde a min opinar sobre a decisión que tomaron eses compañeiros

 

 

Tamén EG e o PNG-PG manifestaron a súa intención de abandonar esta fronte...

Penso o mesmo.

 

Partido dentro do BNG

 

E que pensa que debe facer agora Máis Galiza?

Os seus dirixentes manifestaron a intención de constituirse en partido político dentro do BNG, materializando a idea da existencia duas grandes correntes internas, respeitando calquera outra e en todo caso aos direitos iguais dos militantes independentes. 

 

Nas últimas semanas dirixentes da UPG estiveron falando con alcaldes e con destacados militantes. É certo que Paco Rodríguez falou con vostede? e de que falaron?

Como se pode compreender, a estas alturas e sabendo que todos temos muito que aprender dos demais, non preciso falar demasiado  para decidir sobre o que teño que facer.  

 

Beiras e Rodríguez

 

Vostede os coñece ben, sempre se falou de que a tensa relación entre Beiras e Paco Rodríguez é, en parte, a causa da situación actual. Cre que isto é certo?

Como é sabido nunca participei nesa relación. 

 

Cre que a situación interna que vive o BNG vai ter consecuencias electorais?

Espero que todo o mundo aprenda do sucedido e que isto  sirva para superar a crise e para impulsar a alternativa de Goberno nacionalista e da esquerda que Galiza necesita. 

 

E vese vostede no futuro noutro proxecto político que non sexa o BNG?

Penso que o contestábel ante a pergunta está no que xa dixen anteriormente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 72 comentarios

9 Comentante

Camilo, abre o paraugas que vai chover. Se non te unes á doutrina antiupegá, xa sabes o que che espera.

8 Eu mesmo

Desta ves erras Camilo. Agora faranche a pelota para amosar unha ficticea pluralidade no Bloque, pero máis nada que iso. Anímote a liderar co Beiras a refundación da casa común do nacionalismo galego. Eicho de agradecer.

1 poisiso

Camilo sabe o que ten que facer, e si fai o que fai as suas razóns terá. Ao millor gústanlle os insultos. Creo que no Consello Nacional era dos mais insultados.....será masoquista e entón está na súa salsa. El tan creador de partidos e agora acubíllase? Alá el.

7 Gustavo II

A única saída que lle queda a +G é sair e artellar un novo proxecto cos irmandiños, PNG, EN e outra xente do centro galeguista progresista. Este proxecto si tería futuro e nel podería verse representada a maioría social deste País: Desde o centro galeguista ata o nacionalismo socialdemócrata. O actual proxecto do BNG está totalmente esgotado e desmostrouse que a súa refundación/rexeneración é inviable (abonda con ler de cando en vez Terra e Tempo). Non nos enganemos, o BNG actual non ten máis obxectivo político/electoral a medio e curto prazo que non verse superado por Izquierda Unida…

1 marzo

Aymerich é unha marca branca do BNG, e si non xa o veredes.

2 marzo

Quixen dicir da UPG

3 11M

Gustavo, falas como un libro aberto. Tiña que escoitarte quen dirixe +G, pois parece descoñecer a realidade fóra do BNG. O país precisa con urxencia un novo proxecto.

6 Gustavo

Resulta increíble a inxenuidade de Camilo. Descoñece o sentir das bases do “Novo Proxecto Común”… Xa están fóra os irmandiños, EN, PNG, e un bo número de independentes apoiaron esa candidatura. E a inmensa maioría das bases de +G están por marchar. Falade cos responsables comarcais de +G e vos contarán os esforzos que fan para que os seus militantes non marchen do BNG antes do 11 de marzo… Polo tanto, con qué xente contaría +G para plantarlle cara á UPG nunha nova Asemblea? Os de +G que queden dentro van estar soiños, iso débeno ter moi claro. E aos alcaldes faranlles o mesmiño que lle fixeron a Encarna Otero e outr@s... Por outra banda, qué relevancia social/electoral terá o BNG cando se celebre a próxima Asemblea despois da posta en práctica da autoproclamada “clarificación ideolóxica” emanada da última Asemblea?

5 Inxénuo

O de Camilo é icribel. Se pensa que vai cambiar o BNG desde dentro MENUDO INXÉNUO!! E como penso que inxenuo (a estas alturas da súa vida e co seu recorrido) non é, os seus motivos tendrá para dicer o que di.