Feijóo deduce que o PSOE non ofreceu "nada concreto" a Ciudadanos para un pacto de goberno

Pide "recuperar o mellor ton institucional" no Parlamento tras a ruptura de En Marea, "porque sobra inestabilidade en determinados grupos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deduciu este martes que o PSOE "non" lle ofreceu "nada concreto" a Ciudadanos para un pacto de goberno no ámbito estatal. Feijoo, despois de supervisar a derriba do vello Hospital Xeral Calde en Lugo, preguntado sobre se os socialistas deberían pactar coa formación que dirixe Albert Rivera, respondeu que non lle corresponde a el dita "valoración".

No entanto, puxo en dúbida que "o Partido Socialista lle ofrecera ningunha cousa concreta a Ciudadanos" e engadiu que "polo menos ao Partido Popular nada lle ofreceu". "Recordo que Rajoy propuxo unha coalición de goberno co Partido Socialista; tamén lle propuxo un programa de lexislatura. Ambas as cousas rexeitounas Sánchez cando estaba na oposición e agora dáme a sensación que Sánchez busca unha desculpa para pactar con quen quere pactar", subliñou.

Así, sinalou que "os socios" de Pedro Sánchez "foron os que o apoiaron na moción de censura, e por tanto segue o guión perfectamente: primeiro dicir que se quere pactar con alguén co que non se quere pactar e despois presentar o pacto que se pretende, que son os socios da moción de censura, que son o independentismo vaco, o independentismo catalán máis Podemos".

RUPTURA DE EN MAREA

Por outra banda, sobre a ruptura definitiva de En Marea no Parlamento galego, o presidente destacou que esa é unha "valoración que tamén lles corresponde a eles".

"Nós acabamos de votar na Cámara aos senadores, con independencia de que partido viñese, a En Marea correspondíalle un e o grupo parlamentario popular votou a favor da designación de En Marea. Iso é o correcto desde o punto de vista institucional e eu deséxolle ao que queda en En Marea e ao que se vai de En Marea que siga colaborando por unha actividade parlamentaria útil", indicou.

Neste sentido, esperou "que se manteña e e se recupere o mellor ton institucional, porque neste momento en España e tamén en Galicia sobra inestabilidade en determinados grupos e o que fai falta é estabilidade".

O presidente da Xunta nun acto en Lugo.
O presidente da Xunta nun acto en Lugo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta