Compostela Aberta: "Recoméndolle a Bugallo que se poña a gobernar e que non goberne contra CA"

A formación de Martiño Noriega di que trasladou os pregos de comedores ao goberno de Bugallo, que insiste en que non os coñece.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O exalcalde de Santiago e portavoz de Compostela Aberta (CA), Martiño Noriega, asegurou que a súa formación trasladou os documentos relativos ao contrato de comedores escolares para o próximo curso ao actual goberno socialista, encabezado por Xosé Sánchez Bugallo. "Recoméndolle ao novo goberno que se poña a gobernar e que non goberne contra CA", manifestou.

Así se pronunciou despois de que o rexedor do PSOE afirmase o luns que o concurso non pode convocarse porque, "ao contrario do que se lles dixo", o prego "non está" e que, probablemente, será necesario "prorrogar" o actual contrato durante o primeiro trimestre para "manter o servizo". "O traballo está feito, o estudo técnico está feito, o borrador de pregos está feito", subliñou Noriega, que incide en que "houbo reunións co novo goberno" polo que "dicir que non existe nada é faltar á verdade".

Ademais, o que foi concelleiro de Educación co goberno de Compostela Aberta, Manuel Dios, colgou unha mensaxe nas súas redes sociais a través da que subliña que a nova edil da área, Noa Díaz, "coñece os novos pregos", o "informe económico" e o "proxecto educativo". "Confío en que se aclare e o novo goberno empece a gobernar dicíndonos realmente que quere para os comedores", subliñou.

Fronte a iso, o alcalde de Santiago volveu a incidir este martes en que a propia empresa de asesoría á que se lle encargou a redacción do prego presentou un documento no que informa o Concello de "temas que se deben clarificar e resolver á hora de redactar o prego".

"Aparentemente ese prego non o hai e, se hai un informe de intervención, tamén o descoñecemos, salvo que sexa un informe referido á dotación orzamentaria e non ao contido do prego", apuntou.

Pola súa banda, a actual edil de Educación, Noa Díaz, precisou que o concelleiro saínte o que lle trasladou foi "a existencia" dos pregos pero non os documentos. Ademais, tras explicar que o seu equipo non introducirá moitas modificacións para non atrasar a posta en marcha do servizo, precisou que será un contrato dun ano, como medida transitoria, para que o novo goberno empezo a traballar no modelo que quere.

Martiño Noriega, en rolda de prensa.. EUROPA PRESS - Arquivo
Martiño Noriega, en rolda de prensa.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta