Por Europa Press / Redacción | | 27/06/2019 | Actualizada ás 19:27
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ofreceu aos residentes na illa de Ons seis pases diarios fóra da cota de visitantes fixada e a extensión do acceso libre aos seus irmáns, durante unha reunión mantida en Pontevedra cos portavoces dos grupos municipais do Concello de Bueu e representantes veciñais.
Durante en encontro celebrado hai un mes, os veciños e integrantes da corporación municipal demandaron que se puxese á súa disposición un número de autorizacións de acceso á illa para persoas coas que non gardan parentesco.
Como resposta, neste encontro, Belén do Campo detallou que a cada concesionario se lle outorga unha clave persoal para acceder a unha páxina web desde a que se poderán reservar ata seis autorizacións, que, ademais de visitar a illa, permitirán pasar a noite nela.
Esta ampliación de pases libres súmase á acordada para os concesionarios da illa e os seus familiares ata cuarto grao. Para facilitar o acceso, outórganse carnés identificativos aos veciños e os seus familiares que o soliciten. En concreto, xa se entregaron 150 distintivos.
Esta situación prodúcese despois da aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUG) do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que limita o número de visitantes diarios a 1.300 durante a tempada estival. Os residentes, os seus familiares, persoal adscrito e de mantemento do Parque Nacional e investigadores foron excluídos desta cota.
Co obxectivo de analizar se o sistema de asignación de carnés e os pases adxudicados para os achegados dos concesionarios satisfán "as súas necesidades", a Xunta comprometeuse a convocar unha nova reunión a finais deste ano.
Ademais, a Consellería volveu insistir en que os dereitos de acceso ao parque deben respectar a capacidade máxima de visitantes que pode soportar o enclave natural sen que se afecte "os seus valores paisaxísticos e ambientais".
Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, valorou a extensión dos pases a persoas que non sexan familiares dos concesionarios e aos seus irmáns e apuntou que se trata dun "avance".
No entanto, lembrou que os veciños se mostraron contrarios ao sistema de repartición de carnés ao considerar que o Documento Nacional de Identidade (DNI) debía ser suficiente para acreditar a súa residencia na illa.
Aínda que recoñeceu que as novas propostas da Xunta son máis "flexibles", chamou á "prudencia". Así, avanzou que a próxima semana se reunirá cos portavoces dos distintos grupos municipais e os veciños co obxectivo avaliar se a extensión dos pases libres satisfai as súas demandas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.