Ribadavia terá un museo monográfico sobre o viño de Galicia

Estará na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, un edificio do século XVIII que ten un miradoiro sobre o Avia e o Miño

Por Europa Press / Redacción | Ribadavia | 27/06/2019 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O municipio ourensán de Ribadavia contará co Museo do Viño de Galicia (MVG), un centro situado en "o corazón do Ribeiro" que pretende "recuperar, conservar e difundir o patrimonio cultural" do sector do viño.

Santo André de Camporredondo
Santo André de Camporredondo | Fonte: www.cultura.gal.

A creación do Museo do Viño de Galicia foi adoptada este xoves polo Goberno galego durante a reunión do executivo, que anunciou o pasado mes de maior o inicio da tramitación do anteproxecto da primeira lei galega de museos.

Encadrada nos obxectivos de apostar pola conformación dunha rede de museos que pivote sobre as dimensións "social, investigadora, pedagóxica e económica"; o Museo do Viño de Galicia pretende "reflectir o fenómeno histórico, paisaxístico e social" ligado ao viño na historia do país.

De acceso gratuíto, situarase na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, cedida pola Diócese de Ourense á Xunta. Trátase dun inmoble do século XVIII localizado en plena comarca do Ribeiro que conta cun miradoiro sobre as terras dos ríos Avia e Miño.

A casa reitoral foi rehabilitada e equipada a través dun investimento de case dous millóns de euros achegados polo Goberno galego. O complexo ten parcelas nas que poderían incorporarse cultivos con viñas musealizadas para a súa investigación.

O Museo do Viño dependerá da Consellería de Cultura e Turismo e estará dirixido polo Museo Etnolóxico de Ribadavia. A Xunta financiará o seu desenvolvemento con 300.000 euros anuais e está prevista a creación de tres postos de traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta