Investigan a aparición de restos contaminantes vinculados ao Sergas nunha Reserva da Biosfera de Ourense

A Asociación Profesional de Recicladores de Residuos de Construción e Demolición de Galicia (ARCODEGA) advirte que os vertedoiros incontrolados de residuos, dos que hai centenares en Galicia, se configuran como unha das fontes de xeración de riscos de incendios forestais.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/06/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) investiga a orixe dunhas verteduras altamente contaminantes integradas por máis de 150 cartuchos baleiros ou aínda sen utilizar, e restos de vellas impresoras. Apareceron nunha pista próxima ao núcleo de Guillamil, no concello ourensán de Rairiz de Veiga, que pertence á Reserva da Biosfera e a Rede Natura 2000.

Residuos atopados no Concello Ourensán de Rairiz de Veiga
Residuos atopados no Concello Ourensán de Rairiz de Veiga | Fonte: Facebook Xosé Manuel Pérez Bouza

Fontes ecoloxistas vinculan estas verteduras ao Sergas pola aparición duns cantos folios pertencentes ao Complexo Hospitalario de Ourense, polo que fai sospeitar que eran restos dalgunha oficina ou centro do Sergas. Pola súa banda, o Sergas xa respondeu a través dun comunicado público onde afirma que "cumpre estritamente todo o protocolo e lexislación de tratamento de residuos".

A Xunta insiste en que a xestión de residuos da institución "é absolutamente impecable e cumpre a normativa vixente, empregando sempre xestores autorizados para a retirada e eliminación de residuos, que desde os nosos centros sepáranse, empaquetan ou compactan segundo as distintas clasificacións establecidas por lei".

OS VERTEDOIROS ILEGAIS: FONTE DE RISCO DE INCENDIOS

Por outra banda, a Asociación Profesional de Recicladores de Residuos de Construción e Demolición de Galicia (ARCODEGA), coincidindo coa celebración da súa Asemblea Xeral este venres en Santiago de Compostela, advirte que os vertedoiros incontrolados de residuos se configuran como unha das fontes de xeración de riscos de incendios forestais.

Residuos atopados no Concello Ourensán de Rairiz de Veiga
Residuos atopados no Concello Ourensán de Rairiz de Veiga | Fonte: Facebook Xosé Manuel Pérez Bouza

A asociación lembra que se xa é un problema ecolóxico acumular residuos de calquera tipo en espazos non preparados para iso e de forma completamente controlada, moito máis cando se trata dunha vertedura absolutamente descontrolada de sustancias mesturadas e contaminadas. "Son moitas as toneladas de residuos que se amontoan sen control e que co tempo se converten nunha ameaza contaminante para o medio ambiente e un risco para poboacións e persoas próximas a estas zonas", comentan.

ARCODEGA aegura que Galicia, "como xa vimos denunciando durante anos ante as administracións públicas e o SEPRONA", conta con centenares de pequenos vertedoiros ilegais esparexidos no medio de bosques e montes. "A cultura do vertedoiro está moi estendida". Recordan entón que ademais de que son depósitos ilegais en espazos non preparados para iso, "o problema agrávase pola tipoloxía de residuos que se acumulan": cascallos, pneumáticos, envases, plásticos, madeiras e outros elementos inorgánicos que se caracterizan pola súa fácil combustión. O aumento das temperaturas, xunto ás características destes residuos e aos procesos de oxidación e de formación de gas metano poden provocar unha combustión espontánea.

ERRADICACIÓN DOS VERTEDOIROS INCONTROLADOS

"Se unimos esta situación á falta de tarefas de silvicultura, os nosos bosques convértense no foco perfecto para que cando as temperaturas, os ventos e a actividade de incendiarios fanse presente na zona, proliferen os incendios forestais", alerta a asociación.

Por iso, e ante o inicio da campaña de prevención e extinción de incendios forestais no verán en Galicia, ARCODEGA fai un chamamento ás administracións públicas, e en especial aos concellos, para unir esforzos e erradicar os vertedoiros ilegais e incontrolados de residuos nos nosos espazos naturais. Así como tamén, piden que se apliquen medidas efectivas para unha correcta xestión de residuos de construción e demolición e que se cumpra coa normativa a este respecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta