Son posibles as salas de cinema independente? Esta é a realidade nas cidades galegas

Numax en Santiago de Compostela, os Multicines Norte en Vigo e Codex Cinema en Lugo son exemplos de que se pode exhibir cinema sen ter que basear o contido en películas comerciais. Ramiro Ledo, responsable de cinema de Numax, denuncia que a Administración non apoia ás salas e o doutor en Historia do Cine Xosé Nogueira ofrece a súa perspectiva sobre a situación da salas independentes galegas.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Moito pasou dende que ir ao cinema era o único xeito de ver cine na data da súa estrea. Non pasou tanto, aínda que ás veces o pareza, dende que é posible facelo legalmente. A pesar diso, as salas de cinema seguen a ter un encanto especial para moitas persoas que non dubidan en cambiar o sofá da súa casa polas butacas, os despachos de billetes e a pantalla grande. Iso si, ás veces é complicado atopar lugares onde proxecten películas máis aló da parte corenta e cinco do universo de Marvel ou a sexta versión de Spiderman. Obras que non teñen nada de malo en absoluto, pero que dende logo van dirixidas cara un público masivo.

Oliver Laxe graba en un incendio para 'Aquilo que arde'
Oliver Laxe graba en un incendio para 'Aquilo que arde'

En Galicia hai unha programación se non total, moi importante de películas independente nos Multicines Norte de Vigo, na Sala Numax de Santiago de Compostela e nos Codex Cinema de Lugo. Na Coruña, aínda que non hai un cine como tal máis aló dos grandes exhibidores, o CGAI ten unha sala onde proxecta cinema independente en versión orixinal

Xosé Nogueira, doutor pola USC en Historia do Cine, non cre que haxa unha singularidade moi específica en canto á exhibición en Galicia: “Está dominada por grandes franquías aínda que si que é certo que se demostrou existe un espazo para outro cinema máis alternativo”. Nogueira destaca que no Estado non hai case localidades que teñan salas de cinema independente “quitando grandes cidades ou lugares cunha grande tradición cinéfila como pode ser San Sebastián”.

NUMAX, UNHA SALA DE CINE QUE É MOITO MÁIS

Numax é un proxecto xurdido fai cinco anos en Santiago de Compostela. “Somos unha cooperativa de traballadores sen ánimo de lucro que buscamos unir distintas profesións ao redor dunha sala de cinema independente que non existía anteriormente na cidade”, explica Ramiro Ledo, o responsable de cinema. Ademais de exposición de películas, Numax é distribuidora, libraría, laboratorio gráfico e incluso cafetería. “Nesta forma de unir campos lémbrame a unha empresa francesa”, reflexiona Nogueira.

Multicines Norte en Vigo
Multicines Norte en Vigo | Fonte: (c) Miguel Nuñez

Para el, o caso de Compostela é propicio para que se desenvolvan este tipo de salas dada a incidencia que teñena Universidade e a cultura na cidade. “Aparte ten unha tradición na organización de ciclos de cinema que se cristaliza na celebración do Cineuropa”, o festival de cine que se leva celebrando na cidade dun xeito continuado dende o 1986.

“O principal problema que tivemos foi que anteriormente ninguén se dedicaba á xestión empresarial”, comenta Ledo, “aínda que os problemas seguen a aparecer no día a día, porque somos a única sala en España nunha cidade grande que ten soamente unha pantalla e iso xera dificultades", continúa.

O caso de Compostela é propicio para que se desenvolvan este tipo de salas dada a incidencia que teñena Universidade e a cultura na cidade.

Para Ledo, a clave de que sigan adiante é por un lado a gran fidelización do público (Numax conta actualmente cunhas 600 persoas abonadas) e “a inxente dedicación persoal dos que estamos aquí”. Denuncia que en Galicia “hai un abandono das axudas institucionais ao igual que en todo o Estado menos en Euskadi e Cataluña” e lembra que iso causou o peche de numerosas salas a principio de século cando comezou a piratería de películas e, polo tanto, descenderon os usuarios.

Ademais da creación de emprego, para Ledo son numerosos os beneficios que unha sala de cine da a unha cidade: “Contribúe a fixar poboación na localidade e créase un tecido económico ao seu redor. Somos un elemento de cohesión social e contribuímos ao incremento das posibilidades de lecer da sociedade”.

OUTRAS SALAS GALEGAS

Ao contrario que Compostela, Nogueira considera que o caso de Vigo cos Multicines Norte “si que é un caso máis estándar para analizar”. Para el, “demostra que nunha cidade duns 500.000 habitantes contando área metropolitana hai un público regular para este tipo de salas”. De feito, lembra situacións en fin de semana onde as cinco salas que teñen dispoñibles eran insuficientes para a demanda de público. A empresa que leva Multicines Norte tamén é responsable dos Multicines Compostela e en ambos lugares se segue unha programación mixta entre filmes comerciais e programación independente.

"En Galicia hai un abandono das axudas institucionais ao igual que en todo o Estado menos en Euskadi e Cataluña”

Fai uns meses en Lugo abriu Codex Cinema, unha proposta que Ledo afirma que Numax “acompañou nun principio” porque lles pediron asesoramento. Para Nogueira aínda é cedo para ver se sae adiante ou non pero ve razóns para ser optimista. “Lugo ten un campus universitario e un festival de cine modesto pero moi asentado dende fai anos”. De todos xeitos considera moi positivo que nazan novos proxectos porque “hai uns anos, parecía que soamente ían quedar as grandes cadeas e todo isto demostra que hai esperanza polo momento”.

EXHIBIDORES

Ledo explica que unha das características dos exhibidores en España é a súa falta de profesionalización: “Non existe ningunha titulación que habilite para selo aquí cando noutros países existen graos e mestrados”. Nogueira explica que a vinculación dos exhibidores co cinema é moito máis aló que económica: “Quen abre unha sala non é como quen monta unha tenda, son amantes do medio. Isto crea un clima onde hai sinerxias de moitos tipos”.

O experto interpreta deste xeito o esforzo por parte das salas por programar cinema galego, colaborar cos festivais da súa zona ou intentar traer, sempre que sexa posible, aos autores para organizar coloquios. “Deste xeito, as salas cobran outro nivel. Transfórmanse en lugares culturais cunha dinamización moi interesante”. Ledo indica que para eles “é moi estimulante” que os directores galegos produzan obras de calidade e mostra o seu apoio. Por exemplo Numax na súa faceta de distribución xa foi a encargada de levar a película de Oliver Laxe Mimosas e volverá a facelo en outubro con O Que Arde, a primeira obra en galego que competiu no prestixioso festival de Cannes e galardoada no mesmo.

PÚBLICO

En canto ao público das salas independentes, Nogueira considera que é moi fiel: “Se es asiduo a este tipo de salas acabas coñecendo de vista a moita xente”. Ademais, indica que normalmente teñen unha idade e un nivel sociocultural alto. “O problema vai ser cando desapareza polo paso do tempo, que obviamente vai pasar”.

Para el, os factores que fan atraer ao público son a versión orixinal subtitulada e a programación, sendo esta última o determinante. “Por outra banda, que haxa prezos competitivos e bonos para persoas con dificultades económicas é moi positivo, pero realmente gran parte do público irían aínda que fose un pouco máis caro”.

Retrato dos socios da cooperativa NUMAX de Santiago
Retrato dos socios da cooperativa NUMAX de Santiago | Fonte: Tamara de la Fuente
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta