GC Aberto

Contra o Modelo da Propaganda !

Que non teñamos políticos á altura da prensa independente non quere dicir que teñamos que matar ao mensaxeiro!

Por Gamela | GC ABERTO | 07/07/2019

Comparte esta noticia

Non sabemos onde deu a volta o mundo, pero o mundo dá voltas tódolos días!

publicidade, axudas, medios, cabeceiras, propaganda,
publicidade, axudas, medios, cabeceiras, propaganda,

Ocupados nas nosas vidas cotiás, afogados polas urxercias do capital, tiramos polo camiño do medio sen pensar siquera que imos directamente camiño da nosa sepultura!

Para falar de vagar sobre a liberdade de expresión e a calidade dos medios de información cómpre ter algún referente, e sinceiramente penso que Chomsky sabe máis por vello que por demo: cando falaba do Modelo da Propaganda sabía ben o que dícía: que todos formamos parte do tinglado, e seguramente a única saída será o fin da liberdade (a escravitude das mentiras compartidas!)

Os cinco filtros básicos que dominan en maior ou menor medida aos medios de comunicación de masas son : o diñeiro (os intereses económicos dos accionistas dos medios), a publicidade (e a presión que exerce sobre os medios patrocinados), as fontes de información (normalmente axencias de noticias privadas ou departamentos de prensa de partidos políticos ou de institucións públicas e privadas), os comentarios lixo (flack) que poden facer caer a reputación dun medio en virtude da repercusión mediática do autor (en certas redes sociais este perigo é evidente) e, por último, o gran filtro da seguridade nacional (quen se atreve a publicar algo sobre a vida dun “terrorista” ou dun “narcotraficante” sen consultar antes coa asesoría xurídica?)

Como vemos todos estamos implicados polos filtros que van convertendo a “información” pouco a pouco en pura “propaganda” (dicimos e escribimos o que algúns queren ouvir, evitamos dicir o que a outros poda molestar, e mesmo autocensuramos calquera expresión “humorística” non vaia a ser que alguén nos poña unha querela criminal!)

Pero logo de analisar os atrancos á liberdade de información deberamos preguntarnos se aínda queremos ser xornalistas ou preferimos transitar cara ao departamento comercial de publicidade.

É honesto recoñecer que ninguén vai apoiar o noso esforzo, que vivimos tempos nos que a multitude xulga e condea antes de enxuiciar racionalmente as novas que se publican nos medios; que a ninguén se lle pode pedir máis do que se está disposto a dar...

Pero ás veces cómpre facer unha paradiña e pensar se foi ese o impulso que nos levou a fundar un medio de comunicación alternativo, se queremos vivir coma tantos e tantos escravos da información allea e publicar o que dictan as normas (e o sentidiño común!) ou se cando tomamos a decisión de abrir unha xanela á liberdade críamos que o poder da prensa podía facer cambiar o mundo...?

Hoxe seguimos na mesma incertidume: ¿os novos medios nacen para abrir xanelas ou nacen para acaparar audiencia e recursos económicos vía publicidade? Son medios de parte, onde as novas só poden ver a luz se son conformes aos intereses dos patrocinadores (partidos e sindicatos), son medios de entretemento dos usuarios (onde vendemos noticias morbosas que disfrazan a realidade converténdoa en puro sensacionalismo...), son medios subvencinados pola Administración de turno (dende a Xunta aos Concellos pasando polas Deputacións) que abren seccións de pago para recaudar dúas veces grazas ao vello conto da leiteira... Son medios que viven entre o fusco e o lusco da información e da mentira declarada!

Pero hai outros medios que son indispensables: que teñen vocación de xornalismo comprometido coa realidade, que non se conforman co bruído mediático retuiteado un millón de veces, que son fieis á verdade (sexa esta o que sexa) e que dan aos seus lectores a oportunidade de expresar o que pensan sen restriccións nin censuras previas... ¿Canto valor teñen estes medios?

Algúns sabemos que os vigueses somos aporofóbicos grazas a Juan que leva máis de dous anos acampado diante do Concello máis premiado e mediático do mundo... (se léramos Faro de Vigo non teríamos nin idea do que estamos a falar...)

Algúns sabemos que En Marea foi colonizada pola vella esquerda do PCE-EU pero se leramos La Voz de Galicia diríamos que o problema da nova política das Mareas está nos “podemitas”...

Algúns coñecemos que o afán privatizador non é exclusivo do PP-PSOE senon que está no ADN dalgúns nacionalistas que gobernan Ribadeo...

Algúns medios foron quen de publicar con detalle a frustración na tramitación da ILP sobre a pobreza enerxética en Galicia, mentras os que len outra prensa consideran que pagamos a luz máis batara do mundo... case de balde!

Que non teñamos políticos á altura da prensa independente non quere dicir que teñamos que matar ao mensaxeiro!

Que teñamos que aturar os monólogos de Yolanda Díaz no Canal24Horas non pode converternos en cautivos das traizóns perpetradas por esta muller en Galicia! (Alexandra Kolontai)

Que La Sexta nos faga tragar o talante hiperdemocrático de Abel Caballero resulta indignante...!

E así poderíamos seguir falando das canteiras do Courel, dos recheos das rías galegas, das macrodepuradoras que non depuran, da xustiza que non xulga narcotraficantes, das mortes silenciosas executadas polas listas da morte do SERGAS, ou dos médicos en folga por unha sanidade de calidade para a poboación que paga os seus servizos!

Que non teñamos políticos á altura desta prensa independente, non quere dicir que teñamos que matar oa mensaxeiro!

Son tempos difíciles, para todas, pero non podemos seguir aturando tantos silencios cómplices!

Que teñamos medios “alternativos” que impiden a voz dos lectores na maior cidade de Galicia, non nos fai avanzar na boa dirección. Pero sí alentamos o esforzo calado doutros medios que cicais con menos fortuna están colonizando as bisbarras desta terra para abrir xanelas de futuro favorecendo a complicidade dos seus lectores...

É posible que teñamos diante un muro pero tódolos muros rematan caendo...!

A liberdade de información e de expresión é o cerne dunha democracia adulta, sen ela calquera votación pódese converter nunha rateira na que a xente entra pero xa non atopa o camiño de saída...

Unha prensa libre é un gran faro que alumea aos mareantes na súa longa noite de pedra...!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta