Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/07/2019 | Actualizada ás 15:26
É líder do PPdeG, presidente da Xunta e leva máis da metade da súa vida vivindo da política. Pero Alberto Núñez Feijóo tamén di estar “farto da clase política española”, da que el forma parte. E o di logo de constatar que o 85% dos españois aseguran na última enquisa publicada polo CIS estar cansos dos políticos estatais. “É o único co que coincido desa enquisa”, suliñou.
“Ese dato do CIS é o único que non está cociñado”, salientou o líder do PPdeG na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. De feito, apuntou a dúas formacións concretas, Vox e Ciudadanos, para explicar porque se produce esta desafección pola política. “Esta situación ten moito que ver con algúns comportamentos políticos, con algúns máis que cos outros”, puntualizou sobre as dificultades nas negociacións entre PP, Vox e C's para conformar gobernos en concellos e autonomías.
Pero o presidente da Xunta tamén aproveitou a coxuntura para atacar ao goberno de Pedro Sańchez por levar máis dun ano “paralizado” e “bloqueado”. “Hai un presidente que está encargado de formar un goberno e non é quen de facelo, e os cidadáns comezan a estar fartos”, salientou. “En España estase destruíndo desde a moción de censura”, engadiu.
Foi o único dato do CIS co que dixo estar de acordo, xa que, preguntado sobre as previsións electorais publicadas este mércores, que apuntan a que o PSOE dispárase en intención de voto, Feijóo volveuno a vincular cunha estratexia política dos socialistas. “Iso é un aviso a podemos e outros de que se non o apoian na investidura pois van baixar”, dixo ao tempo que criticou a “utilización das institucións en beneficio propio”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.