O BNG de Santiago critica que o Xacobeo eclipes temas "vitais" para a cidade na reunión entre Feijóo e Bugallo

"Santiago de Compostela debe recuperar peso político como capital do país e, para iso, tamén é necesario que consiga o financiamento que lle corresponde" din desde o Bloque de Compostela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A portavoz do grupo municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, cualificou de "pouco ambiciosa" a reunión mantida este luns entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, e lamentou que o Xacobeo "opacase prioridades de vital importancia" para os veciños.

Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios, no que lembra a necesidade de revisar a asignación económica da Xunta no marco do Estatuto da Capitalidade "moi lonxe dos 5,5 millóns que estimaba o profesor César Caramés no seu estudo", posto que nos orzamentos dos dous últimos exercicios a cifra "non supera os 2,5 millóns".

"Santiago de Compostela debe recuperar peso político como capital do país e, para iso, tamén é necesario que consiga o financiamento que lle corresponde polos custos que teñen en exencións tributarias de edificios, de impostos de vehículos, vaos, seguridade, rehabilitación do patrimonio e limpeza, entre outras cuestións", indicou.

Ademais, entre outras cuestións, para o BNG, nesa reunión Bugallo tamén lle debería reclamar ao presidente a ampliación da Escola Oficial de Idiomas e do Conservatorio Profesional de Música e a creación novas escolas infantís ante a demanda de prazas existentes.

Así mesmo, no plano da protección ambiental, reclama a consignación para a nova estación depuradora e incluír nas presupostos obras para o saneamento e abastecemento no rural, xunto coa axilización da concentración parcelaria de Villestro e Figueiras.

A nacionalista tamén considerou que deberían figurar na axenda a "negativa" do Concello de Santiago ao anuncio por parte do Sergas de "pechar 140 camas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e sete dos 15 quirófanos durante o verán, entre outras cuestións".

A concelleira do BNG  Goretti Sanmartín
A concelleira do BNG Goretti Sanmartín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mugueimes

Goretti, quando você e o BNG colaboraram com grande empenho na difusão da incompetência do entreguista Martinho Noriega, bem sabiam que trabalhavam para colocar no seu lugar um impostor, pela volta ao poder em Compostela da dereita tradicional disfarçada de 'socialista'. Logo, agora, estimada Goretti e BNG, dissimulem e celebrem com o seu amo. Pois retirar um santo pouco protector para colocar um conhecido farsante deve ter prêmio para os colaboradores necessários!