A guía de paisaxe urbana da Xunta aposta crear espazos abertos ao mar e recuperar fachadas litorais

Este documento, dispoñible na web da Consellería de Medio Ambiente, buscará "mellorar a transición" entre polígonos industriais e núcleos urbanos

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2019 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou este martes en Vigo a guía de estudos de paisaxe urbana impulsada polo Instituto de Estudos do Territorio, unha ferramenta para "conservar e protexer o verde e o azul identificativo e característico" dos municipios galegos.

Segundo explica a Xunta a través dun comunicado, este documento aposta por crear espazos abertos ao mar e recuperar as fachadas litorais, "símbolo e identidade dos concellos costeiros", onde se buscará rehabilitar o patrimonio industrial portuario.

Vázquez destacou que Galicia se dota así dunha ferramenta "na súa aposta por un urbanismo sustentable, ordenado e respectuoso coa paisaxe galega". Estará dispoñible a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e aspira a ser "unha referencia" para a planificación territorial das cidades.

A modo de exemplo, a conselleira explicou que a guía propón "intervir nos esqueletes de edificios" para "eliminar o impacto" e "rematar a construción iniciada, demoléndoa ou ocultándoa". Ademais, incide en establecer un tratamento paisaxístico "integral" en accesos urbanos, autovías e circunvalacións para "mellorar a transición" entre as vías de alta capacidade e os núcleos dos municipios. Esta solución tamén se propón para integrar os polígonos industriais nas cidades, para o que se recomenda instalar zonas de transición como áreas residenciais con espazos verdes ou reducindo carteis e valos publicitarios.

UN EQUIPO MULTIDISCIPLINAR

Trátase da sétima guía que presenta neste ámbito o Goberno galego. Nela, subliñou Vázquez, traballou un equipo "multidisciplinar" formado por profesionais de arquitectura, socioloxía, xeografía, avogacía e medioambiente.

O documento céntrase en dous compoñente esenciais: a paisaxe urbana exterior como imaxe de conxunto, é dicir, a que se observa desde os miradoiros ou os accesos urbanos; e a paisaxe urbana interior, como imaxe de fragmento ou aquela que ten o cidadán a pé de rúa e que implica un enfoque máis subxectivo.

Así, a conselleira de Medio Ambiente fixo fincapé en que esta guía "non se limita a ser un documento teórico, senón que tamén recolle exemplos prácticos" como un estudo de paisaxe urbana exterior, para o que foi escollida a cidade de Lugo desde distintos puntos de observación.

En canto á paisaxe urbana interior, seleccionouse Vilalba (Lugo), mentres que para exemplificar o desenvolvemento completo nunha área de paisaxe urbana elixiuse a zona de San Antoniño, en Pontevedra cidade.

Chegada de cruceiros a Ferrol. AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL
Chegada de cruceiros a Ferrol. AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta