Temas: FRASEOLOXíA

“Dar croio” ou “poñer o/un croio”, equivalentes a “dar carpetazo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/07/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que, de xeito tácito e arbitrario, non se lle dá o curso requirido a unha solicitude, demanda ou expediente, é habitual escoitar en castelán a expresión dar carpetazo, expresión que, por extensión deste significado primixenio, pasou tamén a se usar naqueloutras situacións en que alguén dá por rematado un asunto ou deixa definitivamente de se ocupar del.

Pedra tallada que pode verse na mostra sobre o Paleolítico da Mariña en Cervo
Pedra tallada que pode verse na mostra sobre o Paleolítico da Mariña en Cervo | Fonte: AXM

A antedita locución verbal, moi transparente, mesmo visualmente (todos podemos imaxinar o “golpe producido ao cerrar con certa violencia unha carpeta” –botando man da segunda acepción que da voz carpetazo nos fornece o DRAG– cando se quere pechar algún tipo de trámite, expediente, etc. cuxos documentos se conteñen nunha carpeta), está recolleita no propio DRAG, inda que non sería estraño que se debese á influencia do castelán.

Non obstante, en certas obras tanto de carácter literario coma lexicográfico recóllense (xunto con algunhas outras variantes) un par de locucións que parecen, sen ningún xénero de dúbida, propias da nosa lingua: darlle croio a algo ou poñerlle (o) croio a algo. Vexámolo máis polo miúdo:

Dar carpetazo a algo

{= 1. Non lle dar, de xeito tácito e arbitrario, o curso requirido a unha solicitude, demanda ou expediente. 2. Dar por rematado un asunto ou deixar definitivamente de se ocupar del, tanto se chegou á súa culminación ou pleno desenvolvemento coma se non.}

Darlle croio a algo

Poñerlle o/un croio a algo

[Tamén]:

Darlle carpetazo a algo

Ex. (1): Se trata de un colegio muy clasista y rígido en sus formas. Tal es así que si formulas algún tipo de sugerencia que no tenga encaje en sus encorsetados patrones de comportamiento, le dan carpetazo al instante.

Trátase dun colexio moi clasista e ríxido nas súas formas. Tanto é así que se formulas algún tipo de suxestión que non teña encaixe nos seus entalados padróns de comportamento, danlle croio á minuta póñenlle o/un croio á minuta danlle carpetazo á minuta.

Ex. (2): La Audiencia Nacional dio carpetazo a la investigación sobre posibles ayudas fraudulentas a varias empresas del IBEX 35.

A Audiencia Nacional deulle croio púxolle o/un croio deulle carpetazo á investigación sobre posibles axudas fraudulentas a varias empresas do IBEX 35.

Ex. (2): Y damos carpetazo por hoy a la información deportiva recordando la fenomenal medalla de oro conseguida por Iván Raña en los europeos.

E dámoslle croio por hoxe E poñémoslle o/un croio por hoxe E dámoslle carpetazo por hoxe á información deportiva lembrando a fenomenal medalla de ouro acadada por Iván Raña nos europeos.

● Mesmo tamén:

Poñerlle unha pedra

NOTAS:

1. A voz croio vén recolleita no DRAG do seguinte xeito:

Croio substantivo masculino Coio. Tiráballes croios aos paxaros.

Coio substantivo masculino Pedra dura e pequena, particularmente a que está arredondada e lisa pola erosión. Agarrou un coio do camiño e tiroullo ao can. Sinóns.: bocha, callao, canto, cañó, croio, pelouro, riarengo, seixo, xoga.

2. En moitos dos contextos ós que fai referencia a “acepción” número 2 tamén se podería botar man das locucións que habemos de reflectir na próxima entrega, en que trataremos de expresións galegas equivalentes á castelá echar el cierre a algo.

3. A partir da locución verbal dar carpetazo, en non poucas ocasións pasou a empregarse en castelán o substantivo carpetazo, sen acompañamento do verbo, para dar idea de que se pecha, remata ou se lle dá cabo a algún tipo de solicitude, reclamación, demanda, recurso, etc. que se formulou ou interpuxo (p. ex.: Carpetazo de Competencia a prohibir que se trabaje por debajo de costes en el transporte).

Parece claro que, visto o DRAG, se trataría dun uso tamén admitido en galego. O que xa non sabemos é se, por ese mesmo proceso de redución/especialización lingüística que leva do emprego da locución verbal cara á utilización unicamente do substantivo (e no caso de que a RAG, seguindo co labor de corrección e actualización do seu dicionario, acabe incorporando a este as locucións dar croio e poñer o/un croio), o substantivo croio denotaría, en por si, ese mesmo significado, inda que a priori parécenos unha opción bastante natural e nada desatinada.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Pintos Villar, Juan Manuel: Vocabulario gallego-castellano. Datado ó pé de 1865. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta