Bugallo: "Non se acometerán grandes obras para o Ano Santo porque non quero que a cidade estea levantada"

O alcalde de Santiago de Compostela non quixo anunciar a posición do Concello na reunión con ADIF da semana que ven "por precaución".

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Bugallo, nunha rolda de prensa na sede do consistorio no Pazo de Raxoi anunciou que a semana que ven terán unha reunión con ADIF o mércores en Madrid na que estará a estación intermodal no centro da cuestión, que confirmou que “para o ano 2021 non vai poder estar”. Tamén afirmou que “para o Ano Santo non se van a acometer grandes obras porque non me parece o máis idoneo que no ano 2021 estea a cidade toda levantada”.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, ofrece unha rolda de prensa no Concello compostelán
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, ofrece unha rolda de prensa no Concello compostelán

Os motivos son que para Bugallo, “en 18 meses non se poden acometer grandes infraestruturas sen estar previamente planificado” e cunha partida orzamentaria asignada previamente. Para o rexedor compostelán, isto non significa “renunciar a cousas que entendemos como necesidade da cidade”, pero fai unha chamada a asumir os tempos.

Non adiantou a posición do Concello na reunión con ADIF: “Non me parece prudente desvelar posicións antes de tempo a través dos medios de comunicación sen falar antes coa outra parte”, aínda que admitiu que “todos sabemos no escenario no que estamos” polo que non espera unha solución “drástica”. Iso si, afirma que “non quere que a solución provisional sexa a definitiva”. Respecto á cantidade de visitantes durante o ano Santo, agarda cumprir a previsión dos 3’5 millóns de visitantes do convenio con ADIF asinado polo anterior alcalde Martiño Noriega.

ORZAMENTO

Tamén anunciou que para a semana que ven presentará o orzamento técnico e tentará chegar a un acordo. “Falarase cos diferentes grupos da oposición para lograr o seu voto a favor ou polo menos a súa abstención, dixo. As sensacións do Concello “son positivas” neste aspecto e agarda “que isto non cambie a semana que ven”

Bugallo considera a aprobación como unha “prioridade” xa que se non se leva adiante levará a “un incumprimento grave das nosas promesas e dos servizos que non teñen asignación orzamentaria". A semana que ven está planificado un pleno extraordinario para o recoñecemento extraxudicial do crédito para os gastos do 2018 e os que non teñen un soporte orzamentario.

SEDE CIDADE HISTÓRICA

Nos últimos dias varios membros da oposición declararon que sería unha boa opción converter a Casa Elisa e Ximena Fernández de la Vega cedida pola USC, cousa que o alcalde rexeitou completamente xa que para esta preparado para que ese espazo sexa “a sede da Concellería, da oficina da Cidade Histórica e do futuro Consello Municipal”.

Explica que “a demanda radical do cidadáns e que na Cidade histórica haxa servizos e se tramiten facilmente as licencias”. Ademais, destaca que o futuro Consello Municipal “será o organo de representación e participación para todos os cidadáns”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta